-
Diversos talleres e demostracións permitirán que as persoas novas poidan coñecer traballos tradicionais da man das maiores
-
O público que se achegue ao pavillón de San Vicenzo poderá comprar nos postos de artesanía e gozar coas actuacións musicais, os xogos ou a visita de Papá Noel
Coincidindo co Mercadiño de Nadal, A Baña celebrará o domingo 11 de decembro a I Feria de voluntariado interxeracional, cita que xorde coa idea de facilitar o intercambio de coñecementos entre xeracións e que contará con diversos talleres e demostracións nos que as persoas máis novas poderán coñecer traballos tradicionais da man das maiores. A feira, igual que o mercadiño, abrirá no pavillón de San Vicenzo dende as 12 do mediodía ás 8 da tarde.
A feira interxeracional enmárcase no proxecto Punto de encontro que o Concello da Baña pon en marcha con distintos obxectivos, entre os que se atopan os de fomentar o voluntariado e a participación cidadá, promover a iniciativa e o emprendemento no rural das persoas novas para impulsar o asentamento poboacional, recoñecer a experiencia e os coñecementos dos maiores ou dar a coñecer e conservar os recursos culturais, etnográficos, gastronómicos, etc, do municipio.
O proxecto Punto de Encontro conta co apoio financieiro da Unión Europea a través dos fondos NextGeneration ou Plan de recuperación.
Mercadiño de Nadal
Postos de artesanía e larpeiradas, actuacións musicais e polbo ou filloas son algunhas das propostas que ofrecerá a sétima edición do Mercadiño de Nadal a todas aquelas persoas que se acheguen este domingo ao polideportivo municipal de San Vicenzo. A festa rematará coa chegada de Papá Noel, disposto a recoller as peticións de todas as nenas e nenos.
Ao longo do día sucederanse as actuacións dos Campantes da Baña, Gaiteiros Pequenos, Escola de Música da Baña e o grupo de pandereteiras As Maianas. Ademais, a cativada poderá gozar dun contacontos a cargo de Cris de Caldas e de xogos tradicionais co Paporrubio. O público terá tamén a oportunidade de asistir a unha exhibición de ximnasia rítmica da AFA do CEIP San Vicente.