-
Grazas a esta actuación crearase 11 novas prazas e mellorarase o servizo de atención á infancia no municipio

O Concello da Baña iniciou as obras de ampliación do Punto de Atención á Infancia (PAI) de San Mamede, que permitirá a súa conversión en escola infantil e a creación de 11 novas prazas. Grazas a esta actuación, o centro pasará das 20 prazas actuais ás 31 dispoñibles, ampliando a capacidade e mellorando o servizo de atención á infancia no municipio.
O alcalde, José Antonio Pereira, e o concelleiro de Obras, Jesús Manuel Pena Varela, desprazáronse ata San Mamede para visitar a parcela e coñecer de primeira man o inicio dos traballos e o replanteo destas obras.
As obras foron adxudicadas á empresa Pavimentos Noia, Obras e Contratas S.L. por un importe de 162.745 euros con IVE. O proceso de licitación contou cun único licitador presentado.
Esta ampliación enmárcase no programa de creación e mellora de prazas de escola infantil promovido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade. A administración autonómica achega 68.038 euros para o proxecto, mentres que o Concello da Baña asumirá con recursos propios o importe restante ata cubrir a totalidade do investimento.
A ampliación suporá un importante avance para as familias da Baña, xa que permitirá dar resposta á demanda de prazas e mellorar as condicións do servizo.