-
O encontro terá lugar no Pavillón Polideportivo Municipal de San Vicenzo e incluirá servizo de autobús para facilitar a asistencia da veciñanza

O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, celebrará o domingo 7 de xuño a III edición do Xantar Veciñal, unha cita de convivencia dirixida á veciñanza do municipio que terá lugar no Pavillón Polideportivo Municipal de San Vicenzo a partir das 13.00 horas.
O encontro busca favorecer o reencontro, a participación e os lazos sociais entre a veciñanza nun ambiente festivo e de convivencia, consolidándose xa como unha das actividades sociais destacadas do calendario municipal.
A participación estará aberta a toda a veciñanza do Concello da Baña, establecéndose dúas modalidades. Por unha banda, haberá invitación gratuíta para persoas empadroadas no municipio maiores de 65 anos -cumpridos ou que os cumpran ao longo deste ano- así como para aquelas persoas que cumpran os criterios valorables polos Servizos Sociais municipais.
Por outra banda, as persoas que non cumpran os requisitos anteriores poderán asistir mediante unha invitación cun custo de 35 euros, sendo gratuíta para menores de 10 anos.
As invitacións poderán recollerse entre o 19 de maio e o 2 de xuño no Departamento de Servizos Sociais, situado na Rúa Tedelle nº 5, primeiro piso, de luns a venres en horario de 9.30 a 14.00 horas.
O Concello tamén habilitará un servizo de autobús para facilitar o desprazamento das persoas interesadas, que deberá solicitarse no momento da recollida da invitación.
Desde o Concello da Baña animan á veciñanza a participar nesta nova edición do Xantar Veciñal, unha iniciativa que busca fortalecer a convivencia e compartir unha xornada especial entre xeracións.