• O Concello da Baña non ten constancia do proxecto ao non recibir ningún tipo de documentación sobre o mesmo

  • Intenta recabar información para trasladarlla ás persoas afectadas

Segundo informaron ao Concello varios dos veciños afectados por unha posible expropiación de terreos na parroquia de Cabanas, a empresa Green Hat está remitindo aos seus domicilios unha carta na que se lles informa do desenvolvemento dun novo parque eólico, chamado Sanvi, nos municipios da Baña, Santa Comba e Val do Dubra.

Ao respecto, o Concello da Baña quere deixar constancia de que non ten ningunha comunicación oficial sobre a tramitación deste parque eólico nin recibiu polo de agora ningunha documentación relacionada co mesmo.

Por este motivo, e mentres o goberno municipal intenta recabar información sobre este proxecto para poder trasladarlla á veciñanza, recoméndalle ás persoas propietarias que non se precipiten á hora de tomar decisións e que non asinen documento ningún que poida comprometelas.

Polo de agora, o único que puido certificar o Concello é que se trata dun proxecto dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (o que significa que se trata dun parque de máis de 50 MW), que aínda non saíu a información pública no Boletín Oficial do Estado (BOE).

  • Green Capital Power prevé construír seis aeroxeneradores entre os municipios da Baña e de Val do Dubra //

O Concello da Baña vai recorrer a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de desestimar a suspensión cautelar do parque eólico de Vilartoxo que a empresa Green Capital Power S.L. planifica construír nos municipios da Baña e Val do Dubra.

Aínda que rexeita a petición do Concello de suspender cautelarmente a tramitación deste parque eólico, o TSXG continúa analizando o contencioso-administrativo que presentou o Concello contra a resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación de concederlle á sociedade Green Capital Power S.L. ás autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico de Vilartoxo.

A Baña xustificara a súa petición de suspender cautelarmente a tramitación deste parque eólico no dano que lle pode causar aos núcleos de poboación próximos, así como a saúde da veciñanza e do gando. Ademais, incide nas molestas acústicas e no risco de perda de hábitats naturais, sobre todo para as aves. O TSXG rexeitou esta argumentación.

O parque eólico de Vilartoxo estará formado por seis aeroxeneradores, algún dos cales dista menos de medio quilómetro de tres núcleos de poboación con 81 veciños e menos de dous quilómetros doutros nos que reside un milleiro de persoas. O Concello teme tamén que afecte a máis de medio cento de mananciais e chama a atención sobre o que considera unha fragmentación fraudulenta de proxectos, o que lle permitirá a Green Capital Power sacar adiante un gran parque presentándoo como se fosen varios pequenos.

  • Denuncian a desestimación por silencio administrativo dun recurso de alzada presentado en xuño de 2023 e piden medidas cautelares

Os concellos da Baña e Val do Dubra interpuxeron este martes, 19 de decembro, un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia referido ao parque eólico de Vilartoxo, promovido por Green Capital Power S.L. e que afecta aos dous municipios.

Ambos os concellos rexeitan a desestimación por silencio administrativo do recurso de alzada interposto o 28 de xuño de 2023 fronte á resolución de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, que outorgaba a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ao proxecto do parque eólico de Vilartoxo.

Así mesmo, solicítanlle ao TSXG que adopte como medida cautelar a suspensión inmediata da resolución do 12 de abril de 2023 que autoriza a construción do parque, co obxectivo de protexer os intereses da veciñanza afectada.

Na mesma liña, o Concello da Baña interpuxo ante o TSXG un recurso contencioso-administrativo referido ao parque eólico de Troitomil, o pasado 15 de decembro, no que tamén denuncia a desestimación por silencio administrativo dun recurso de alzada previo e pide medidas cautelares ca fin de paralizar a construción do parque eólico.

O Concello da Baña fai público o texto da ordenanza sobre protección contra a contaminación acústica, encargado á empresa Acusti Control, Enxeñería Acústica, para que todas as persoas interesadas poidan formular as alegacións que consideren oportunas durante dez días hábiles a partir da súa publicación na web muncicipal este luns, 6 de maio. 

Estas opinións poderán formularse xa que logo ata o martes 21 de maio a través da sede electrónica do Concello da Baña empregando o formulario de achega de documentación complementaria, que pode descargarse picando nesta ligazón. O código de expediente que hai que indicar é o 2023/G013/000002.

Con esta ordenanza de ruídos, o goberno local ten como obxectivo protexer tanto ás persoas como aos bens dos danos ocasionados polas agresións acústicas dentro dos límites do municipio para salvagardar a saúde e a calidade de vida da veciñanza, ademais de preservar o medio ambiente.

A noma mormativa implicará que o Concello levará a cabo as accións que estime pertinentes para facer cumprir a ordenanza, mandará facer as inspeccións que sexan precisas, esixirá a adopción das medidas preventivas necesarias así como as correctoras no caso de incumprimento e aplicará as sancións que se determinen.

No documento adxunto poderá descargarse a resolución da alcaldía co decreto previo ao trámite de audiencia no procedemento de redacción da ordenanza de protección contra a contaminación acústica no Concello da Baña. 

Attachments:
Download this file (20240506_exposicion_publica_ordenanza_ruido.pdf)20240506_exposicion_publica_ordenanza_ruido.pdf[Aprobación do trámite de audiencia da ordenanza contra a contaminación acústica]818 kB

O Concello da Baña, no seu compromiso coa defensa do medio ambiente e dos intereses da veciñanza, interpuxo o pasado 15 de decembro no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un recurso contencioso-administrativo referido ao parque eólico de Troitomil.

Este recurso foi presentado en resposta á desestimación por silencio administrativo dun recurso de alzada interposto polo Concello o 28 de xuño de 2023 fronte á resolución de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, que outorgaba a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ao proxecto do parque eólico Troitomil, promovido por Green Capital Power S.L. e situado nos concellos da Baña e Negreira.

Mentres non se resolva o recurso de desestimación, o Concello pide medidas cautelares para que non se aplique a resolución do 20 de marzo de 2023, que autoriza a construción do parque, co obxectivo de protexer os intereses da veciñanza.