• Os tres grupos municipais e o BNG apoian o rexeitamento ao proxecto e presentarán as súas propias alegacións en nome do Concello

  • Lerán un manifesto veciñal este mércores no pleno

  • A recollida de sinaturas continuará ata o luns 5 de abril

20210329 Alegacions parque eolico web

 

20210329 Alegacions parque eolico 2 webRepresentantes das asociacións veciñais de Fiopáns, Cabanas, Lañas e San Mamede do Monte citáronse hoxe ás once da mañá ás portas do Concello da Baña para entregar máis de 600 alegacións asinadas pola veciñanza en contra da instalación do parque eólico de Troitomil, que a empresa Green Capital Power quere facer entre os concellos da Baña e Negreira.

“Para empezar, non estamos de acordo co lugar de ubicación. Pero, ademais, rexeitamos todas as afeccións que pode ter para os veciños e a contorna, como os desvíos na canalización de auga, os ruídos ou interferencias nos sinais de telefonía e televisión”, sinalou Javier Alijo, presidente da asociación de San Mamede do Monte.

Os tres grupos políticos con representación na Corporación municipal (PSdeG, PP e CxG) apoiaron a entrega de alegacións desta mañá e anunciaron que redactarán tamén as súas propias en nome do Concello da Baña. Súmase ao rexeitamento do parque tamén o BNG. 

O alcalde bañense, José Antonio Pereira, subliñou a “oposición total” de todas as forzas políticas ao proxecto dos muíños de vento. “Tanto os veciños como a Corporación estamos totalmente en contra destes megaproxectos. Porque agora mesmo falamos dun, pero logo haberá unha segunda fase e unha terceira e o Concello da Baña non ten capacidade para albergar este tipo de parques eólicos”.

O rexedor mesmo deixou sobre a mesa a posibilidade de que se produzan novas accións de rexeitamento no futuro. “Estaremos sempre a carón dos veciños para intentar que non saían adiante iniciativas coma esta, que non aportan nada do que necesita o Concello da Baña”, recalcou.

As asociacións veciñais seguirán recollendo sinaturas ata o vindeiro luns, 5 de abril, xa que o prazo para presentar alegacións remata o mércores 7 de abril.