20211115 composteiroO Concello da Baña asinou coa Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) un compromiso de adhesión polo que o municipio se suma ao programa de compostaxe doméstica que promove a empresa pública de tratamento de refugallos. Mediante este acordo, repartiranse entre a veciñanza interesada 30 composteiros que permitirán unha nova vida aos residuos orgánicos.

Os composteiros son recipientes ventilados nos que se introducen os restos orgánicos. Manténdoos á temperatura e á humidade adecuadas, estes convértense en abono de gran calidade (compost), evitando os malos olores e permitindo un manexo fácil e adecuado.

A través do convenio que asinou o alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, Sogama cederá ao Concello trinta destas estruturas para estender a práctica da autocompostaxe ás vivendas unifamiliares do municipio. As persoas interesadas en recibir un deben chamar á casa Consistorial (981 886 501) e contactar con Rocío. A entrega dos composteiros farase por estrita orde de chegada das solicitudes. Terán prioridade aquelas persoas que se anotaran como voluntarias no proxecto de recollida separada de fracción orgánica de residuos domésticos (colector marrón), que no seu día non saíu adiante por falta de financiamento. Xunto cos composteiros, entregarase un manual de uso elaborado por Sogama.

O Concello fará un seguimento do uso dos composteiros subministrados por Sogama, coa fin de comprobar o seu bo uso e a boa marcha do programa.