Ovidio Rodeiro, delegado territorial da Xunta, asistiu onte en Santa Comba ao inicio do obradoiro de emprego "Xallas-Barcala-Dubra V" no que participan os concellos de A Baña, Negreira, Santa Comba e Val do Dubra. O obradoiro especialízase en actividades auxiliares e de conservación e mellora de montes, pero ademais ofrecerá aos alumnos unha actualización en materias de alfabetización informática, sensibilización ambiental, sensibilización en igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e prevención de riscos laborais.
O curso terá unha duración de 6 meses e formará a un total de 16 alumnos, catro por cada concello. Os alcaldes dos municipios da Baña, Andrés García Cardeso; Negreira, Jorge Tuñas; Santa Comba, María Pose e Val do Dubra, Antonio Negreira, estiveron onte na presentación oficial do obradoiro, que tivo lugar no concello de Santa Comba.
Ovido Rodeiro destacou “a importancia destes cursos e a boa acollida que teñen entre os alumnos porque o nivel de reinserción laboral é moi alto e en moitos casos os participantes atopan traballo durante a celebracións dos mesmos porque se centran en ámbitos con amplía demanda laboral”. Ademais, engadiu, “as empresas locais xa coñecen o éxito e a boa calidade da formación que se imparte polo que ven estes cursos moi atractivos para atopar xente ben formada nas áreas que lles interesan”. O representante do goberno autonómico informou que os municipios da área de Santiago contarán en 2018 cun total de 11 obradoiros de emprego.
A Baña tamén participará no obradoiro dual "Xallas-Barcala-Val do Dubra IV" xunto aos concellos de Santa Comba, Negreira e Val do Dubra. Neste caso o curso permitirá que 20 persoas desempregadas, cinco por concello, se formen nas especialidades de promoción turística local e información ao visitante e en operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción. Ademais, a principal novidade é que os alumnos poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses e un contrato posterior en prácticas dun mínimo de tres meses nunha empresa situada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.