A carballeira de Ceilán acollerá o domingo 21 de outubro a segunda edición do Feirón e Romaría de Re-Volta, unha celebración coa que se quere recrear o ambiente das antigas romarías dos anos cincuenta do século pasado. As actividades, que inclúen música, mercadiño, demostración de oficios, catas e propostas culturais, comezarán ás 11 da mañá.
O evento está organizado polo Concello da Baña e conta coa colaboración da Deputación da Coruña. Desde pola mañá haberá postos de venda e exposición de produtos de época, ademais de mostras de oficios. Entre estes últimos, destacan limpabotas ou barbeiros, que darán ambiente de época ao emblemático espazo natural bañés da carballeria de Ceilán, lugar de celebración dunha das feiras con máis sona da contorna. Durante a xornada ofrecerase unha cata de conservas e haberá unha maratón fotográfica, ademais de diversos postos de comida típica galega.
A música comeza xa ás 12 do mediodía, coa actuación do grupo tradicional Faíscas da Pontraga, un conxunto fundado en 2002 que conta con máis de 500 actuacións ás costas, algunhas delas do outro lado do Atlántico.
Xa pola tarde actuará Pakolas, un cantautor e produtor especializado en música para nenos e nenas. As súas cancións animan á infancia a compartir amizade e experiencias a través de historias moi particulares. Despois, ás 17.30, será o momento de Carapaus, un grupo de folk radicado en Compostela e liderado por Emilio Lois, ‘gaiteiro da Baña’ e mestre en numerosas agrupacións tradicionais.
Aquelas persoas interesadas en poñer algún posto de venda ou exposición de produtos propios de aquela época poden chamar ao 981 886 777 ou 981 886 501, ata o xoves 21 de outubro.