-
Destinaranse aos investimentos que se fagan durante o presente ano 2021 en construcións, maquinaria ou equipos informáticos
A Deputación da Coruña vén de establecer, coa súa publicación no BOP, as bases reguladoras de dúas liñas de axudas dirixidas, por un lado, a asociacións agrarias, labregas, gandeiras, forestais e de cazadores, e polo outro, a entidades sen ánimo de lucro como asociacións profesionais, de veciños ou mulleres do rural, ademais de cámaras de comercio e organismos de carácter comercial e empresarial. O orzamento total para ámbolos programas é de 418.000 euros.
As subvencións cubrirán entre o 20% e o 80% dos investimentos que se fagan durante o ano 2021 en construcións, maquinaria e útiles ou equipos informáticos. Quedan fóra da convocatoria as páxinas web.
As maiores achegas, dotadas de 300.000 euros, destinaranse as asociacións sen ánimo de lucro, que poderán percibir un mínimo de 1.200 euros e un máximo de 28.000.
As subvencións para colectivos labregos e de cazadores acadan os 118.000 euros. Cada entidade poderá recibir entre 1.000 e 24.000 euros.
As solicitudes deberán presentarse de xeito telemático na sede electrónica da Deputación da Coruña a través da plataforma Subtel. O prazo de presentación de solicitudes determinarase no anuncio da convocatoria que se publicará no BOP.
As bases publicadas hoxe no BOP pódense consultar premendo nesta ligazón (asociacións gandeiras, labregas, agrarias, forestais e de cazadores) e nestoutra (entidades sen ánimo de lucro).