• SD A Baña, A Baña Veteranos, Futsal A Baña e Clube Seixos recibirán unha subvención económica e colaborarán nas actividades municipais //

  • O alcalde, Andrés García, e o concelleiro César Ramos salientan a relevancia do deporte no tecido social do municipio //

 

SD A Baña, Asociación Cultural e Deportiva A Baña Veteranos, Club Futsal A Baña e Clube de Sendas Enxebres Seixos recibirán este ano unha subvención económica do Concello da Baña para promover os valores e a práctica deportiva no municipio. Así queda reflectido no convenio que asinaron o luns pola tarde no salón de plenos o alcalde, Andrés García Cardeso, e os responsables destas entidades, acordo que recolle tamén a colaboración da administración local para conseguir que os clubes impregnen o tecido deportivo e social bañense.

O Concello da Baña recoñece tanto o labor desenvolvido polas agrupacións deportivas dende o deporte base e o deporte afeccionado como na organización de eventos, andainas e outras propostas relacionadas coa vida activa. O convenio establece en concreto que clubes e entidades deportivas colaborarán nas actividades das programacións anuais deseñadas dende a Concellaría de Promoción de Vida Activa e Deportiva e dende a Concellaría de Cultura, Educación, Muller e Igualdade e Normalización Lingüística, así como en todos aqueles proxectos sociais e espazos de participación cidadá promovidos polo Concello da Baña e que sexan de interese para ambas as dúas partes. As contías obxecto da subvención están xa incluídas nos orzamentos municipais aprobados este ano.

Na sinatura do convenio participaron o alcalde da Baña, Andrés García; o concelleiro de Vida Activa e Deportiva, César Ramos; o presidente da SD A Baña, José Manuel Vieito; o representante da Baña Veteranos, Pablo Pazos; o presidente de Futsal A Baña, Pablo Penido; e a presidenta de Seixos, Mercedes Calo.

Andrés García destacou a importancia do deporte no desenvolvemento local e o benestar tanto físico como psíquico da veciñanza. Incidiu, así mesmo, en que a colaboración dende a administración local está a impulsar a ampliación de número de clubes e de disciplinas deportivas que se poden practicar no municipio.

Pola súa parte, o concelleiro César Ramos eloxiou o traballo altruísta de directivos e asociados, ademais de subliñar a relevancia de difundir os valores do deporte en nenas e nenos. Dende o seu departamento, lembrou, estase a traballar nunha ampla oferta de iniciativas que inciden nos hábitos saudables, a promoción da vida activa e o goce do patrimonio natural.