• O Concello solicitou unha xuntanza por primeira vez en marzo, pero a Consellería aínda non respondeu

  • O edificio, de máis de corenta anos, precisa da renovación de tellado, fachadas e ventás para evitar filtracións, goteiras, humidades e riscos de desprendemento de tellas, e para procurar unha mellor eficiencia enerxética

 2017 CPI SanVicente

Foto de arquivo do CPI San Vicente, de 2017

 

Máis de cinco meses despois, o Concello da Baña continúa sen recibir resposta por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade á solicitude de reunión para tratar das melloras que precisa o CPI San Vicente con carácter urxente.

O colexio, construído na súa maior parte a finais dos anos setenta, precisa acometer diversas reformas para seguir ofrecendo servizos con garantías. Así, é necesario reparar tanto o tellado coma as fachadas e as ventás para previr as filtracións de auga e evitar as humidades, así como mellorar a eficiencia enerxética dun edificio con máis de corenta anos.

Desde o Concello solicitouse unha xuntanza coa Xefatura Territorial da Consellería na Coruña en varias ocasións, a primeira delas o día 8 de marzo. Porén, estes requirimentos nunca foron respondidos pola Xunta. O centro xa comunicou no mes de novembro de 2020 á Unidade Técnica da Consellería as diversas deficiencias que se rexistran no edificio: filtracións de auga no comedor e en distintas aulas, problemas na fachada exterior e nas cubertas dos edificios de Infantil e Primaria ou anomalías estruturais que esixen una actuación urxente.

Para o curso que vai comezar, o CPI San Vicente contará con dúas aulas en Infantil, seis en Primaria (unha menos que o ano pasado) e cinco en Secundaria. A matrícula descendeu nalgúns cursos e, de feito, só hai tres matrículas para o cuarto curso de Infantil.

Por outra banda, a dirección do centro en colaboración co Concello da Baña, traballa por atraer ao centro escolar a todos os pequenos e pequenas residentes no concello. De feito, no vindeiro curso 21-22 ampliouse a área educativa á parroquia de Troitosende, o cal garantirá aos pequenos e pequenas desta parroquia os servizos de transporte e comedor escolar.

Á espera da actualización dos protocolos, as medidas de prevención contra a covid-19 serán semellantes ás do curso 2020-2021. Neste sentido, a amplitude do edificio fai posible que haxa espazo suficiente para cumprir coa separación interpersoal prevista sen necesidade de realizar reformas ou modificar o uso de espazos como a biblioteca ou os ximnasios. De feito, para unha atención máis segura do servizo de comedor, xa o curso pasado se habilitou unha aula para que funcione como segundo comedor, conseguindo garantir así o distanciamento social requirido.