- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 164

O Concello da Baña informa que ata o día 5 de agosto estará aberto o prazo de solicitudes para as axudas ao transporte dirixidas aos estudantes da Baña que cursarán os seus estudos no IES Xulián Magariños de Negreira ou no IES Terra de Xallas de Santa Comba durante o curso 2026-2027.
Para o próximo curso, dispóñense un total de 25 prazas para estas axudas. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 5 de agosto, unha vez publicadas as bases na Sede Electrónica do Concello da Baña e na páxina web municipal. Transcorrido este prazo, non se admitirán novas inscricións.
Este servizo de axuda ao transporte será de carácter temporal e estará en funcionamento desde setembro de 2026 ata xuño de 2027 (ambos meses incluídos), coincidindo co calendario escolar anual e en horario lectivo dos centros educativos.
As solicitudes deben presentarse utilizando os modelos recollidos na web do Concello e entregaranse no Rexistro Xeral do Concello.
Para máis información sobre o proceso de solicitude e os requisitos, os interesados poden consultar a Sede Electrónica do Concello ou chamar ao teléfono do Concello 981 886 501.
As bases de funcionamento deste servizo así como as fichas de solicitude, de autorización do uso do teléfono e da orde de domiciliación de recibos poden descargarse na páxina web municipal (neste enlace).
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 249
A actuación da Banda da Escola de Música da Baña pecha o festival co que se clausura o presente curso
-
O director da agrupación anuncia que a banda tocará na procesión da Virxe das Dores o 9 de setembro
-
A concelleira Mónica González entregoulle diplomas ao alumnado que asistiu ás clases

A actuación da Banda da Escola de Música da Baña puxo esta mañá o colofón ao festival de fin de curso no que o alumnado pulido demostrar os avances acadados durante os últimos meses de ensaios. O público presente aplaudiu todas as actuacións e animouse a cantar os temas interpretados pola agrupación da escola.
A Escola Municipal de Música Emilio Andújar contou este curso con corenta alumnos e alumnas que recibiron clases nas especialidades de percusión, vento metal, vento madeira, piano e acordeón. Está dirixida por Marcos Cernadas e conta con Juan Leis e Ramón Leis como profesores.
Unha ampla representación do alumnado participou esta mañá no festival organizado pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía para despedir o curso e amosarlle á familiares e veciñanza os progresos que acadaron nos últimos meses. A tenente de alcalde Mónica González entregoulles diplomas ás alumnas e alumnos que asistiron ao acto e destacou a súa implicación e a dos profesores para que a Escola Emilio Andújar siga medrando cada ano.
Tras as intervencións individuais ou grupais do alumnado, subiu ao escenario a Banda da Escola de Música da Baña para tocar diferentes temas, animando a cantar e a bailar ao público presente, entre o que se atopaba o alcalde, José Antonio Pereira. Durante a actuación, Juan Leis anunciou que a agrupación da escola ten previsto tocar na procesión da Virxe das Dores que se celebrará o vindeiro 9 de setembro, na que será a súa primeira actuación de rúa.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 344
-
A área recreativa de Agra de Chans acollerá dende o mediodía unha xornada de actuacións e convivencia en torno á cultura popular
-
A cita contará coa participación de agrupacións locais e convidadas, ademais dunha proposta de narración oral con María da Pontraga
A área recreativa de Agra de Chans converterase o venres 1 de maio no escenario dunha nova edición da PequeRachada da Baña, unha cita arredor da música tradicional que pon o foco nas novas xeracións. A actividade dará comezo ás 13.00 horas e desenvolverase ao longo do día como un espazo aberto de participación, no que a cultura popular marcará o ritmo.
O encontro de escolas de música tradicional volverá ser o eixo do programa, reunindo agrupacións procedentes de distintos puntos e tamén formacións da propia Baña. No ámbito local participarán as Gaiteiras da Baña, as Pandeireteiras da Baña e Os Trallas da Baña. Xunto a elas estarán a agrupación Rosalía de Castro, de Cacheiras (Teo); OCT Ultreia Pandeireteiras, de Compostela; e a Asociación Cultural Brisas do Quenllo, de Tordoia, que se suman a esta xornada de intercambio arredor da música tradicional.
O programa inclúe tamén a proposta de narración oral Un saco de contos, de María da Pontraga, unha actividade dirixida a público infantil e familiar que combina historias e cancións de tradición oral. A través de pequenos relatos que beben da herdanza cultural, a sesión convida a descubrir personaxes do imaxinario popular e incorpora momentos de participación pensados para as crianzas.
A PequeRachada nace como un encontro no que a música tradicional se vive desde a base, promovendo o papel das novas xeracións como protagonistas e garantindo a continuidade do patrimonio cultural inmaterial. O formato aberto da xornada facilita a presenza das familias, que poden compartir o día ao aire libre nun ambiente no que a música e o lecer conviven de maneira natural.
A iniciativa está organizada pola Escola de Música Tradicional da Baña e polo Concello da Baña, coa colaboración da ACM Os Campantes da Baña, e consolídase como unha cita de referencia no calendario cultural local.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 2547
1 de xuño de 2026
Faise pública a listaxe definitiva de solicitudes admitidas na Escola Infantil Municipal da Baña para o curso 2026-2027. Esta listaxe pode consultarse nesta ligazón ou nos arquivos adxuntos.
O período para a formalización de matrícula vai do martes 2 de xuño ao domingo 14 de xuño de 2026. O impreso de matrícula está dispoñible na sede electrónica do Concello da Baña, nesta ligazón, e tamén nos arquivos adxuntos.
13 de maio de 2026
O Concello da Baña publica o decreto coa listaxe provisional de solicitudes admitidas e excluídas e baremación para a convocatoria de prazas da Escola Infantil Municipal (EIM) para o curso 2026/2027.
Establécese un prazo do 14 ao 23 de maio para a presentación de reclamacións da listaxe provisional.
A listaxe pode descargarse no arquivo adxunto.
20 de abril de 2026
O Boletín Oficial da Provincia publicar a convocatoria para a solicitude de praza na Escola Infantil Municipal para o curso 2026-2027.
O prazo para a presentación de solicitudes é do martes 21 de abril ao martes 5 de maio.
O formulario de solicitude pode descargarse nos arquivos adxuntos.
6 de abril de 2026
O Concello da Baña publica hoxe, 6 de abril, un anuncio polo que establece os prazos para a matrícula na Escola Infantil Municipal do Concello da Baña para o curso 2026-2027. As familias interesadas poderán presentar a súa solicitude entre o 21 de abril e o 5 de maio, segundo o calendario establecido.
Os prazos establecidos son os seguintes:
- 20 de abril: publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP), xunto cos modelos normalizados de solicitude de praza (para renovacións e novos ingresos).
- 21 de abril ao 5 de maio: prazo de presentación de solicitudes.
- 13 de maio: publicación da listaxe provisional de solicitudes admitidas.
- 14 ao 23 de maio: período de reclamacións da listaxe provisional.
- 01 de xuño: publicación da listaxe definitiva de solicitudes admitidas e dos formularios de matrícula.
- 2 ao 14 de xuño: período de presentación de matrícula.
As datas indicadas poderán sufrir variacións por razóns de servizo ou para cumprir cos prazos correspondentes.
Toda a información relativa a este proceso estará dispoñible na páxina web do Concello, na Sede Electrónica e nas diferentes canles de comunicación oficial.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visto: 304
A iniciativa, aberta a toda a veciñanza, inclúe tres sesións formativas centradas na reflexión, o cambio social e a construción de relacións baseadas no respecto e os coidados || Hai que inscribirse a través de Servizos Sociais ou ben chamando aos teléfonos 981 88 65 01 e 629 15 40 51

O Concello da Baña organiza durante o mes de maio o ciclo Camiñando cara á igualdade, un proxecto formativo centrado nas masculinidades igualitarias que busca fomentar unha sociedade máis xusta, consciente e libre dos prexuízos asociados á masculinidade tradicional.
A proposta está dirixida a toda a poboación maior de 16 anos —tanto homes como mulleres— e pretende xerar un espazo de reflexión e aprendizaxe colectiva no que desenvolver unha conciencia crítica e promover actitudes de cambio fronte á masculinidade hexemónica.
O programa desenvolverase ao longo de tres sesións que terán lugar na Casa de Cultura da Baña ao longo do mes de maio. A primeira delas celebrarase o venres 8, ás 19.30 horas, cunha palestra titulada A importancia do grupo no proceso de transformación.
A continuación, o venres 15, en horario de 19.30 a 21.30 horas, terá lugar o primeiro obradoiro, centrado en Patriarcado, identidades e límites.
O ciclo pecharase o venres 22 de maio, tamén de 19.30 a 21.30 horas, cun segundo obradoiro baixo o título Relacións dende os coidados e o bo trato.
As sesións serán impartidas por Senén, especialista en masculinidades igualitarias, quen guiará este proceso formativo orientado a revisar roles, cuestionar estereotipos e avanzar cara a modelos de relación máis igualitarios.
A participación require inscrición previa obrigatoria, que pode formalizarse a través dos Servizos Sociais do Concello da Baña ou nos teléfonos 981 88 65 01 e 629 15 40 51.
Este ciclo enmárcase no Plan Corresponsables, unha iniciativa que promove políticas públicas orientadas á igualdade e á corresponsabilidade social, reforzando o compromiso do Concello da Baña coa construción dunha sociedade máis igualitaria desde a base.

