-
O alcalde, a xefa de estudos, representantes das familias e da Corporación reuníronse onte con Mobilidade e a empresa
-
Xunta e Monbus comprometéronse a solucionar todas as deficiencias e a reestruturar algunhas rutas para optimizar recursos
O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; a xefa de estudos do CPI San Vicente, representantes das familias e da Corporación municipal reuníronse onte na coruña co xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, José Antonio Álvarez Vidal; e da empresa Monbus para solicitarlle solucións as múltiples deficiencias do transporte escolar no municipio.
Dende A Baña reclamáronlle á Xunta e a empresa que adopten as medidas necesarias para que no vindeiro curso non se volvan producir as numerosas incidencias que teñen acaecido este ano, dende que Monbus resultou adxudicataria do transporte escolar no municipio.
O alcalde e a comunidade educativa lembroulles á Xunta e empresa os constantes retrasos na recollida de alumnado, que ten chegado tarde moitos días ao colexio, e incluso houbo días que o autobús non apareceu. A falta de medidas de seguridade (como cintos), ou autobuses en mal estado foron outras da deficiencias que pasaron no curso que acaba de rematar.
Por parte do Concello asistiron á reunión o alcalde; a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, e o portavoz socialista, José Antonio Pereira.
Por parte da Xunta e da empresa comprometéronse a arranxar todas as deficiencias trasladadas e a reestruturar algunhas rutas para optimizar os recursos e que o alumnado chegue a tempo ao colexio.