- Fixéronse cos primeiros premios de comparsas e carrozas, dotado cada un deles con 900 euros //
- A música, o deporte e o espazo inspiraron á maioría das agrupacións participantes //
As máis rutilantes estrelas do espectáculo achegáronse este sábado á Baña para participando no concurso de Entroido. Beyoncé, Michael Jackson, Madonna, John Travolta e Olivia Newton-John ou Shakira e Bizarrap deleitaron ao público congregado en San Vicenzo, onde non faltou tampouco a música e o baile! das pandeiretas bañenses.
Foron a música e as súas coreografías, o deporte e os espazo as principais temáticas de inspiración das agrupacións participantes nunha tarde chea de humor e aplaudidas representacións, que erixiron como gañadoras á comparsa 𝐒𝒖𝒑𝒆𝒓𝒃𝒐𝒘𝒍 e á carroza 𝑮𝒓𝒆𝒂𝒔𝒆. De Negreira as dúas e con moitos compoñentes da Baña, levou cada unha un premio de 900 euros.
Pero houbo máis premios. Vai a continuación a lista completa:
Comparsas
1. Superbowl (900 euros)
2. A Baña espacial (400 euros)
3. Os galácticos de Portomouro (150 euros)
Carrozas
1. Grease (900 euros)
2. Peta, peta, pandeireta (400 euros)
3. Niqratar (150 euros)
Grupo
1. Hago flash y aparezco a tu lado (150 euros)
Individual infantil
1. Pippi Calzaslargas (100 euros)
Parella
1. Antón e Farruco (100 euros)
Formaron o xurado o alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela; a concelleira de Santa Comba Cristina Fajín e a edila de Negreira Mar García. Acompañáronos na entrega de premios o alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; o tenente alcalde, César Ramos; e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo.
A festa, que se iniciou antes do desfile coa charanga Os Celtas, continuou despois no campo da festa coa disco móbil CDC. E, para quentar o corpo, puxeron o chocolate que acompañou os churros ás rapazas e rapaces do CPI San Vicente, que continúan a recadar cartos para a excursion de fin de curso. Os máis peques puideron gozar cos inchables.