A iniciativa, aberta a toda a veciñanza, inclúe tres sesións formativas centradas na reflexión, o cambio social e a construción de relacións baseadas no respecto e os coidados  ||  Hai que inscribirse a través de Servizos Sociais ou ben chamando aos teléfonos 981 88 65 01 e 629 15 40 51

 

20260508 ABanha cartel masculinidades web

 

O Concello da Baña organiza durante o mes de maio o ciclo Camiñando cara á igualdade, un proxecto formativo centrado nas masculinidades igualitarias que busca fomentar unha sociedade máis xusta, consciente e libre dos prexuízos asociados á masculinidade tradicional.

A proposta está dirixida a toda a poboación maior de 16 anos —tanto homes como mulleres— e pretende xerar un espazo de reflexión e aprendizaxe colectiva no que desenvolver unha conciencia crítica e promover actitudes de cambio fronte á masculinidade hexemónica.

O programa desenvolverase ao longo de tres sesións que terán lugar na Casa de Cultura da Baña ao longo do mes de maio. A primeira delas celebrarase o venres 8, ás 19.30 horas, cunha palestra titulada A importancia do grupo no proceso de transformación.

A continuación, o venres 15, en horario de 19.30 a 21.30 horas, terá lugar o primeiro obradoiro, centrado en Patriarcado, identidades e límites.

O ciclo pecharase o venres 22 de maio, tamén de 19.30 a 21.30 horas, cun segundo obradoiro baixo o título Relacións dende os coidados e o bo trato.

As sesións serán impartidas por Senén, especialista en masculinidades igualitarias, quen guiará este proceso formativo orientado a revisar roles, cuestionar estereotipos e avanzar cara a modelos de relación máis igualitarios.

A participación require inscrición previa obrigatoria, que pode formalizarse a través dos Servizos Sociais do Concello da Baña ou nos teléfonos 981 88 65 01 e 629 15 40 51.

Este ciclo enmárcase no Plan Corresponsables, unha iniciativa que promove políticas públicas orientadas á igualdade e á corresponsabilidade social, reforzando o compromiso do Concello da Baña coa construción dunha sociedade máis igualitaria desde a base.