A XVII Festa da Filloa da Pedra da Baña celebrarase na fin de semana do 15 e 16 de febreiro, cun completo programa de actos que inclúe música, xogos, talleres e postos de venda de artesanía e gastronomía. O pregoeiro desta edición da afamada exaltación gastronómica será o xornalista Ramón Castro Gundín, director do programa radiofónico Más de uno Compostela en Onda Cero.
A celebración dará comezo o sábado 15 de febreiro cunha Foliada filloeira a partir das catro e media da tarde. O domingo, o pavillón municipal abrirá as súas portas ás dez da mañá para recibir aos centos de visitantes que cada ano se achegan á Baña a degustar as filloas, preparadas nas máis de corenta pedras dispostas para a ocasión. A nota musical poñerana Os Campantes da Baña, que actuarán ás 12.30 h; a charanga BB+, que se ocupará de animar a sobremesa ás 15.30 h; e a orquestra Finisterre, que animará a festa a partir das 18.00 h.
O Concello, en colaboración coa Asociación de Filloas da Pedra da Baña, preparou un programa que inclúe tamén a celebración de talleres, como o de estampación e creación de camisetas a cargo de Silvia Capelo. Non faltarán os xogos para a cativada como a tirolina, rocódromo e outros divertimentos. Os asistentes poderán tamén facer as súas compras nos postos de artesanía e gastronomía.
A filloa da pedra, protagonista indiscutible da festa, poderase degustar soa ou con diferentes acompañamentos, tanto salgados coma doces. Ademais, haberá outros produtos a disposición do público, como lacón con grelos, chourizo, orella ou polbo.