- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Turismo
- Visto: 818
Foi unha das grandes sorpresas da festa gastronómica celebrada este domingo e abriu a verbena amenizada pola orquestra Olympus
Tras comer en Casa Barqueiro, apareceu a última hora da tarde no pavillón de San Vicenzo e conversou coas filloeiras e filloeiros voluntarios
O chef José Manuel Mallou contoulle os segredos deste prato tradicional
Torres: “Para min as tradicións axúdanme a recordar de onde vimos e cara onde vamos”
A última hora da tarde de onte producíase unha das grandes sorpresas da XIX Festa da Filloa da Pedra da Baña, cando no polideportivo de San Vicenzo facía entrada o televisivo chef Sergio Torres, que ten tres estrelas Michelin xunto co seu irmán Javier no restaurante Cocina Hermanos Torres.
Acompañado polo alcalde, Andrés García Cardeso, o chef José Manuel Mallou foi o primeiro en explicarlle a Sergio Torres cales son os segredos da filloa da pedra da Baña e de onde procede esta tradición. Despois Dolores Landeira e Mónica Tomé, da Asociación Filloas da Pedra da Baña, xunto con Manuel Landeira e Alicia Blanco, edís que onte traballaron de voluntarios na organización da festa, contáronlle como se fan as filloas da Pedra da Baña.
Moi atento ás explicacións destas veteranas filloeiras, Sergio Torres púxose enseguida mans a obra, colleu o mandil e a camiseta que lle ofreceu José Manuel Mallou e empezou, primeiro, a darlle a volta e, despois, a facer filloas. Sen dúbida, porque a mellor maneira de aprender é facendo.
Sergio Torres estivo esta fin de semana de vacacións en Galicia. Onte foi comer a Casa Barqueiro, en Negreira. Na sobremesa Rogelio Rial, deulle a probar unha “filloa espectacular”, segundo a cualificación do propio cociñeiro catalán. Torres foi o encargado onte de inaugurar a verbena da Orquestra Olympus na Festa da Filloa da Pedra e na súa intervención contou como se animou a visitar A Baña.
Rogelio Rial explicoulle na sobremesa ao seu convidado que na Baña había unha festa, unha homenaxe á filloa. “Díxome que era unha tradición, e para min iso axúdame a recordar de onde vimos e cara onde vamos. E díxenlle, vamos a ver esa festa”, asegurou Sergio Torres, quen de seguido contou a súa experiencia. “Estas filloas, feitas nunha pedra superquente, dan de comer, que alimentan non só a xente, senón a alma e a vida”, engadiu. Sergio Torres deulle as grazas á organización por manter viva unha tradición. “Se podemos aportar un gran de area, aquí estamos. Non sabedes canto me alegro de estar aquí, non só por min, senón tamén polos meu fillos e pola milla muller. É importante coñecer estas tradicións”, asegurou o chef estrela Michelin.
O alcalde, Andrés García Cardeso, agradeceulle ao responsable de Casa Barqueiro, Rogelio Rial, que facilitase que “un tres estrelas Michelin puidese visitar, e darlle o pulo que e merece, a Festa da Filloa da Pedra da Baña”, que onte celebrou a edición máis numerosa das 19 realizadas ata o momento. Foi tanta a afluencia de comensais que as 50 voluntarias e voluntarios non daban feito filloas á velocidade que requirían os visitantes. “Nós facemos as filloas de xeito tradicional, unha a unha, por iso hai que esperar, e pedímosvos paciencia”, lles dixo José Manuel Mallou aos visitantes.
Antes de abrir coa súa intervención a verbena amenizada pola Orquestra Olympus, Sergio Torres estivo un bo anaco facendo filloas e conversando coas voluntarias e voluntarios que levaban dende o venres pola tarde atendendo as 40 pedras no polideportivo de San Vicenzo. Torres coñeceu algunhas das anécdotas que lle contaron Arita Pais, Adina Balboa, Elena López, Antonio Balsa ou Rosa Ramos, entre outras.
Despois, acompañado polo alcalde, José Manuel Mallou e Rogelio Rial, Sergio Torres percorreu todos os postos de artesanía que estaban montados no polideportivo, mercando algúns agasallos para a súa familia e facéndose fotos con todas as persoas que querían ter un recordo co chef que durante catro anos presentou en TVE o programa de cociña Torres en la cocina. A emoción era visible nalgúns dos casos, como no mozo Markel Villaverde, que apenas podía falar mentres se facía unha foto co chef catalán.
Sergio Torres foi un dos milleiros de persoas que se achegaron onte ata o polideportivo de San Vicenzo para degustar este rico manxar que, ademais, este ano fíxose con produtos ecolóxicos facilitados por CRAEGA. Tal foi a afluencia que o Concello e a Asociación Filloas da Pedra da Baña tiveron que duplicar os litros de amoado para dar de cometer a tenta xente. Dos 1.500 previstos inicialmente, e que se consumiron xa o sábado, ao final preparáronse máis de 3.000 litros de amoado, para os que se empregaron 300 quilos de fariña de trigo do país, 260 ducias de ovos e 30 quilos de touciño cedidos polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).
Podes ver o álbum de fotos coa visita de Sergio Torres á Festa da Filloa da Pedra da Baña na páxina oficial de Facebook do Concello da Baña, neste enlace (preme aquí)
A Filloa da Pedra rompe previsións na festa máis multitudinaria que se lembra na Baña en 19 edicións
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Turismo
- Visto: 723
A organización tivo que preparar o dobre de amoado, máis de 3.000 litros, tras consumir 1.500 a tarde do sábado
Milleiros de persoas achegáronse hoxe e o sábado pola tarde ata o pavillón de San Vicenzo para degustar un produto ecolóxico
Juan Ramón Díaz, de CRAEGA, louvou unha festa que aposta polo produto de proximidade, de calidade e ecolóxico
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, unha das incondicionais desta festa, e o de Facenda, Miguel Brocos, animáronse a facer unha filloa
A fama das filloas e o bo tempo foron dous dos ingredientes que facilitaron que a Festa da Filloa da Pedra da Baña superase este ano, e con moito, as previsións máis optimistas da organización. Milleiros de persoas achegáronse ata o polideportivo de San Vicenzo para degustar este rico manxar que, ademais, este ano fíxose con produtos ecolóxicos facilitados por CRAEGA. Tal foi a afluencia que o Concello e a Asociación Filloas da Pedra da Baña tiveron que duplicar os litros de amoado para dar de cometer a tenta xente. Dos 1.500 previstos inicialmente, e que se consumiron xa o sábado, ao final preparáronse máis de 3.000 litros de amoado, para os que se empregaron 300 quilos de fariña de trigo do país, 260 ducias de ovos e 30 quilos de touciño cedidos polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA)
“É a festa máis multitudinaria que se recorda nas 19 edicións que levamos celebradas”, asegurou o alcalde, Andrés García Cardeso, o que lle da pulo á organización (Concello e Asociación) para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico Galego para celebrar o vinte aniversario. Juan Ramón Díaz, quen acudiu en representación do presidente de CRAEGA (que está enfermo) louvou o traballo e amosou o seu recoñecemento a todas as persoas que fan posible esta festa.
A Festa da Filloa da Pedra “preserva unha tradición, que ademais de utilizar produtos de calidade, este ano engádenlle que son ecolóxicos, polo que están a respectar o medio ambiente”, dixo Juan Ramón Díaz. Para o representante do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, a Festa da Filloa da Pedra da Baña axuda a “manter o legado dos nosos antergos e a poñer en valor o produto de proximidade”, asegurou.
Entre as autoridades que acudiron ata San Vicenzo atopábanse a conselleira do Mar, Rosa Quintana, unha das incondicionais da Festa da Filloa da Pedra da Baña, e o de Facenda Miguel Corgos. Xunto a eles estaba José Manuel Rus, en nome da Asociación de Filloas de Muimenta (Lugo), que por terceiro ano consecutivo acoden ao convite bañense para promocionar conxuntamente ambas festas. O tenente de alcalde da Baña, César Ramos, e membros da Corporación bañense; o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos Corral; a presidenta e a xerenta do GDR Terras de Compostela, Guarina Rey e Chefa Fernández; os alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández; Santa Comba, María Pose, e Val do Dubra, José Manuel Varela; o tente alcalde de Vedra, Manuel Costa; os concelleiros de Turismo de Ames, Manuel Lens,- e o do PP de Negreira, Rubén Suárez, tamén se animaron a facer algunha filloa da pedra.
A organización mobilizou a máis de 50 voluntarias e voluntarios, entre os que se atopaba o chef José Manuel Mallou, que dende o venres pola tarde fixeron preto de 30.000 filloas nas 40 pedras de 40x40 cm que se dispuxeron no polideportivo de San Vicenzo. Os milleiros de visitantes puideron degustar este exquisito manxar, xunto coas filloas de Muimenta, acompañadas de racións de orella, chourizo e lacón, como propostas salgadas, ou de chocolate, nata ou mel para os máis larpeiros.
O polideportivo de San Vicenzo abriu as súas portas ás dez da mañá nun ambiente claramente festivo. Tanto dentro coma nos seus arredores había atraccións de feira para a cativada, polbeiro e diversos postos de comida, artesanía, roupa ou xoguetes.
Ao mediodía, os grupo de gaitas Santa Combers comezou a animar o ambiente con música popular. Tras a visita que as autoridades fixeron ás voluntarias e voluntarios filloeiros, e dun xantar coa filloa da pedra como ingrediente principal, a charanga Os Atrevidos amenizaron a sobremesa a partir das tres e media da tarde.
A Orquestra Olympus animou unha concorrida verbena, avanzando algúns dos temas que tocará esta temporada en moitas verbenas galegas. No descanso da orquestra, unha tirada de fogos artificiais sorprendeu a moitos dos presentes.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Turismo
- Visto: 734
-
A Foliada filloeira abre o programa o sábado 11 de febreiro
-
As orquestras Olympus e Finisterre, a Banda de Música Ateneo de Negreira, os Campantes da Baña e a charanga Os Atrevidos porán a nota musical
A Festa da Filloa da Pedra da Baña alcanzará o próximo mes de febreiro a súa edición número dezanove con dous días de actividades dedicadas a enxalzar o produto máis característico do municipio. O pavillón de San Vicenzo acollerá o sábado 11 e o domingo 12 unha programación musical e de ocio arredor da filloa da pedra, nunha celebración gastronómica na que os produtos empregados serán 100% ecolóxicos.
A Asociación Filloas da Pedra da Baña e o Concello da Baña organizan a cita, en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). A participación desta última entidade enmárcase na aposta polo emprego de produtos ecolóxicos na festa, unha aposta que fai máis sostible, saudable e atractiva esta proposta gastronómica xa consolidada.
A programación da Festa da Filloa da Pedra ábrese xa o sábado coa saída desde a praza do Concello dun pasarrúas a cargo da Banda de Música do Ateneo de Negreira, que tamén protagonizará ás 16:15 horas un concerto no polideportivo de San Vicenzo, localización das actividades. Un pouco antes, ás 16:00, levarase a cabo a inauguración oficial da Festa, na que se poderán degustar filloas da pedra da Baña e filloas de Muimenta, reafirmando unha colaboración que se estende desde hai varias edicións da actividade. A música continúa ás 17:00h cunha foliada filloeira e, ás 20:00, co espectáculo protagonizado pola Orquestra Finisterre.
A actuación da Orquestra Olympus é o grande atractivo do domingo 12, día grande da Festa da Filloa da Pedra. O afamado conxunto comezará a actuar ás 19:00 horas e durante o descanso do concerto dispararanse fogos artificiais. Mais a programación dominical comeza moito antes. A festa abre ás 10:00 e, xa ás 12:00, acollerá a actuación dos Campantes da Baña. Ás 13:00 está prevista a lectura do pregón. Pola tarde, a charanga Os Atrevidos amenizará o recinto desde as 15:30 horas.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Turismo
- Visto: 821
-
A 19 edición abrirá ao público o sábado pola tarde no pavillón de San Vicenzo tras un pasarrúas da Banda de Música Ateneo de Negreira //
-
A delicia bañense poderá acompañarse o domingo con orella, chourizo, lacón, chocolate, nata ou mel //
-
Haberá atraccións infantís, polbeiras e postos de comida e artesanía //
A Festa da Filloa da Pedra da Baña chega a vindeira fin de semana á súa XIX edición cun convite para desfrutar desta delicia gastronómica con produtos 100% ecolóxicos, grazas á aportación de fariña de trigo do país, ovos e touciño por parte do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). Ademais, a presente edición da festa estenderase ao sábado, o día no que se procederá á súa inauguración oficial coa presenza do alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; unha persoa representante da Asociación Filloas da Pedra da Baña; e José Manuel Rus, en nome da Asociación de Filloas de Muimenta, convidada un ano máis á festa bañense.
O programa do sábado iniciarase cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Ateneo de Negreira, que sairá da praza do Concello ás 15:30 horas e que ofrecerá un concerto unha vez rematada a apertura oficial. Desenvolverase deseguido a Foliada Filloeira, na que participarán varios grupos da contorna: As Atrevidas de Monte, de San Mamede (A Baña); Amigas da Foliada (Santa Comba); Escola Municipal de Música Tradicional do Concello da Baña, Santa Combers (Santa Comba) e Escola Municipal de Pandereteiras do concello de Negreira. O día rematará coa actuación da Orquestra Finisterre a partir das oito. Todas as persoas asistentes poderán comprar e degustar durante toda a tarde tanto filloas da pedra da Baña como filloas de Muimenta.
Xa no domingo 12, o pavillón municipal de San Vicenzo abrirase ao público ás 10 da mañá. Ao longo do día, sucederanse as actuacións do grupo de gaitas Santa Combers (12.00 horas); a charanga Os Atrevidos (15.30 horas) e a Orquestra Olympus (19.00 horas). No descanso da orquestra, procederase a facer unha tirada de fogos artificiais. No apartado gastronómico, hai que subliñar que nesta xornada, as filloas poderanse acompañar de racións de orella, chourizo, lacón, ou ben con chocolate, nata ou mel para os máis lambóns.
E, para que a festa sexa completa e como é habitual, tanto o sábado coma o domingo, a zona do pavillón encherase de animación con atraccións infantís, polbeiros e diversos postos de comida, ademais doutros nos que se poderá comprar artesanía, roupa, libros e outros artigos.
Despois de dous anos de parón e unha pasada edición na que se repartiron 18.000 unidades esgotando os 2.000 litros de amoado, a Festa da Filloa da Pedra prepárase para recibir milleiros de visitantes. Entre eles, contaranse diversas autoridades. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, volverá acudir a unha cita da que xa é habitual. Tamén visitarán o pavillón de San Vicenzo o presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), Francisco López Valladares, que exercerá de pregoeiro; o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos Corral; a presidenta e a xerenta do GDR Terras de Compostela, Guarina Rey e Chefa Fernández; o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández; o tente alcalde de Vedra, Manuel Costa; ou o concelleiro de Turismo de Ames, Manuel Lens.
Máis citas coas filloas da pedra
A maiores da Festa desta fin de semana, un produto tan asociado ao entroido como as filloas da Pedra da Baña viaxarán a outros lugares nestas datas. Así, poderanse gozar na Estrada grazas a un intercambio que fará o CPI San Vicente da Baña co CEIP Manuel Villar Paramá, de San Xurxo de Vea, que traerá pola súa parte ata A Baña unha representación dos seus Xenerais da Ulla.
Ademais, as filloas da pedra da Baña tamén terán presenza o domingo 19 pola tarde no Entroido de Santa Comba e representantes da Asociación Filloas da Pedra da Baña desprazaranse a Madrid para dar a coñecer este afamado produto o día 28 de febreiro na Casa de Galicia ando.
A Baña celebrará o seu sétimo Mercadiño de Nadal o domingo 11 de decembro no pavillón de San Vicenzo
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Turismo
- Visto: 630
-
Os visitantes poderán gozar con postos de artesanía, lambonadas, actuacións musicais, xogos e a visita de Papá Noel //
-
As persoas máis novas poderán aprender das maiores cancións ou labores tradicionais nos talleres da Feira de Voluntariado Interxeracional //
-
Haberá polbeira con carpa e varias pedras para facer filloas //
Xa hai data para a celebración da sétima edición do Mercadiño de Nadal da Baña. Será o domingo 11 de decembro cando o pavillón municipal de San Vicenzo volva encherse ao longo de todo o día con postos de artesanía, delicias gastronómicas e actividades de lecer, ademais de recibir a visita de Papá Noel.
As portas do polideportivo permanecerán abertas entre as 12 do mediodía e as oito da tarde para que todos os visitantes poidan sorprenderse con numerosas propostas de artesanía e adiantar as compras dos agasallos de Nadal. Tamén durante toda a xornada, se desenvolverá a Feira de Voluntariado Interxeracional que, por medio de diversos talleres, permitirá que as persoas maiores lle aprendan ás máis novas cancións, lerias ou traballos tradicionais como o de debullar o millo.
Para gozar da xornada, hai programadas diversas actuacións musicais e xogos para a cativada. A música comezará a soar xa ao mediodía cos Campantes da Baña e, tamén pola mañá, poderemos escoitar aos Gaiteiros Pequenos. Xa pola tarde, serán o alumnado da Escola de Música da Baña e o grupo de pandeireteiras As Maianas os encargados de amenizar o mercadiño.
O público máis novo conta cun programa propio, no que se inclúe unha sesión de contacontos con Cris de Caldas (contra as 12.30 horas), unha exhibición de ximnasia rítmica da AFA do CEIP San Vicente (ao redor das 16.15 horas) ou os xogos tradicionais que, da man de Paporrubio, tanto éxito tiveron no Feirón da Re-Volta. Todo iso para entrar en calor e recibir como se merece a Papá Noel, que anunciou a súa visita dende o Polo Norte disposto a tomar nota dos seus desexos para este Nadal e que ten previsto chegar a San Vicenzo sobre as 18.15 horas.
E, para quen queira quedar a comer, ademais de lambonadas e varias pedras para facer filloas, non faltará no exterior do pavillón a carpa dunha polbeira.