• O Concello e a asociación de empresarios A Baña Emprende buscan poñer en valor a importancia histórica e turística do castro da Baña
  • Un total de seis grupos participaron no Concurso de Clans
  • Xogos populares, mercado de artesanía, unha batalla castrexo-romana ou espectáculos de maxia e musicais completaron o programa

A Baña regresou aos tempos anteriores aos romanos con motivo da primeira edición da Festa Castrexa. Centos de persoas reuníronse durante toda a xornada de hoxe, sábado 21 de maio, para celebrar o pasado bañense e gozar dunha xornada de actividades festivas e culturais, nunha acción que pretende poñer el valor os atractivos turísticos do municipio e, en especial, o seu castro. O evento, organizado polo Concello da Baña e pola asociación de empresarios A Baña Emprende, coa colaboración da Asociación de Mulleres Alborada e da Deputación da Coruña, continúa esta noite con actuacións musicais de primeiro nivel.

Numeroso público xuntouse xa de mañá no castro, situado no alto da parroquia de San Vicenzo da Baña, para asistir á apertura do mercado de artesanía, no que os máis de corenta expositores presentes puideron demostrar en vivo o seu desempeño en diversos oficios tradicionais. A rapazada coñeceu de primeira man como se realiza un traballo arqueolóxico, e os maiores recordaron o labor de trenzado da palla, en dous obradoiros. Á unha, o colaborador do informativo humorístico da TVG 'Malicia Noticias' Pepe Capelán, encargouse de abrir a programación festiva co pregón, destacando que “esta é a primeira festa castrexa destas características que se celebra en toda a provincia”.

O alcalde da Baña, Andrés García, manifestou que esta iniciativa responde ao desexo de “poñer en valor o noso patrimonio” e agradeceu “o traballo desenvolvido tanto dende o consistorio como dende a asociación A Baña Emprende na organización da festa e na recuperación dun espazo singular como o castro da Baña”. Trátase de aproveitar este elemento patrimonial singular para captar visitantes interesados no pasado e na cultura, engadindo un atractivo máis á oferta natural e gastronómica coa que conta o municipio.

A festa estoupou a mediodía coa celebración da sesión vermú. O grupo Minguante amenizou os instantes previos á comida; a Festa Castrexa contou cunha abondosa oferta gastronómica para que ninguén quedase con fame de cara a afrontar as actividades da tarde, que comezarán coa simulación dunha batalla entre castrexos e romanos.

A tarde proseguirá con xogos populares destinados aos castrexos e castrexas de menor idade. Ademais de gozar con entretementos tradicionais como os zancos ou as carreiras de sacos, puideron organizar partidas arqueolóxicas para descubrir un tesouro ou aprender a fabricar xerros de arxila ou trísceles, o símbolo polo que se coñece mellor a cultura castrexa. A media tarde actuou o mago José Benigno, “o ilusionista xalleiro”, que deu paso a unha sesión de música popular a cargo dos Gaiteiros da Baña.

O concurso de caracterización castrexa foi un dos momentos máis importantes da Festa. Durante toda a xornada puideron verse pola Baña un total de seis clans vestidos con todos os atributos propios da época: personaxes vestidos de época, lanzas e abalorios deron lustre á celebración, transportando a localidade a unha época pasada hai máis de dous mil anos. No certame o clan mellor caracterizado e o máis diverso recibiron un premio de 200€, mentres que o máis numeroso foi agasallado cunha cea no propio recinto da festa.

A festa segue esta noite coa actuación ás 21h. do grupo vocal De Vacas, un dos máis singulares e destacados da música galega actual grazas á súa mestura de folk, pop e jazz. Ás 22h. está previsto un espectáculo do Bruxo Queiman, que dará paso á festa rachada que habitualmente despregan nas súas actuacións os Festicultores.

Podes ver as fotos da xornada en Facebook: (Preme aquí)

 20220521 FestaCastrexa