• Os visitantes poderán gozar con postos de artesanía, lambonadas, actuacións musicais, xogos e a visita de Papá Noel //

  • As persoas máis novas poderán aprender das maiores cancións ou labores tradicionais nos talleres da Feira de Voluntariado Interxeracional //

  • Haberá polbeira con carpa e varias pedras para facer filloas //

20221211 cartel mercadiño nadal

Xa hai data para a celebración da sétima edición do Mercadiño de Nadal da Baña. Será o domingo 11 de decembro cando o pavillón municipal de San Vicenzo volva encherse ao longo de todo o día con postos de artesanía, delicias gastronómicas e actividades de lecer, ademais de recibir a visita de Papá Noel.

As portas do polideportivo permanecerán abertas entre as 12 do mediodía e as oito da tarde para que todos os visitantes poidan sorprenderse con numerosas propostas de artesanía e adiantar as compras dos agasallos de Nadal. Tamén durante toda a xornada, se desenvolverá a Feira de Voluntariado Interxeracional que, por medio de diversos talleres, permitirá que as persoas maiores lle aprendan ás máis novas cancións, lerias ou traballos tradicionais como o de debullar o millo.

Para gozar da xornada, hai programadas diversas actuacións musicais e xogos para a cativada. A música comezará a soar xa ao mediodía cos Campantes da Baña e, tamén pola mañá, poderemos escoitar aos Gaiteiros Pequenos. Xa pola tarde, serán o alumnado da Escola de Música da Baña e o grupo de pandeireteiras As Maianas os encargados de amenizar o mercadiño.

O público máis novo conta cun programa propio, no que se inclúe unha sesión de contacontos con Cris de Caldas (contra as 12.30 horas), unha exhibición de ximnasia rítmica da AFA do CEIP San Vicente (ao redor das 16.15 horas) ou os xogos tradicionais que, da man de Paporrubio, tanto éxito tiveron no Feirón da Re-Volta. Todo iso para entrar en calor e recibir como se merece a Papá Noel, que anunciou a súa visita dende o Polo Norte disposto a tomar nota dos seus desexos para este Nadal e que ten previsto chegar a San Vicenzo sobre as 18.15 horas.

E, para quen queira quedar a comer, ademais de lambonadas e varias pedras para facer filloas, non faltará no exterior do pavillón a carpa dunha polbeira.