-
A 19 edición abrirá ao público o sábado pola tarde no pavillón de San Vicenzo tras un pasarrúas da Banda de Música Ateneo de Negreira //
-
A delicia bañense poderá acompañarse o domingo con orella, chourizo, lacón, chocolate, nata ou mel //
-
Haberá atraccións infantís, polbeiras e postos de comida e artesanía //
A Festa da Filloa da Pedra da Baña chega a vindeira fin de semana á súa XIX edición cun convite para desfrutar desta delicia gastronómica con produtos 100% ecolóxicos, grazas á aportación de fariña de trigo do país, ovos e touciño por parte do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). Ademais, a presente edición da festa estenderase ao sábado, o día no que se procederá á súa inauguración oficial coa presenza do alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; unha persoa representante da Asociación Filloas da Pedra da Baña; e José Manuel Rus, en nome da Asociación de Filloas de Muimenta, convidada un ano máis á festa bañense.
O programa do sábado iniciarase cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Ateneo de Negreira, que sairá da praza do Concello ás 15:30 horas e que ofrecerá un concerto unha vez rematada a apertura oficial. Desenvolverase deseguido a Foliada Filloeira, na que participarán varios grupos da contorna: As Atrevidas de Monte, de San Mamede (A Baña); Amigas da Foliada (Santa Comba); Escola Municipal de Música Tradicional do Concello da Baña, Santa Combers (Santa Comba) e Escola Municipal de Pandereteiras do concello de Negreira. O día rematará coa actuación da Orquestra Finisterre a partir das oito. Todas as persoas asistentes poderán comprar e degustar durante toda a tarde tanto filloas da pedra da Baña como filloas de Muimenta.
Xa no domingo 12, o pavillón municipal de San Vicenzo abrirase ao público ás 10 da mañá. Ao longo do día, sucederanse as actuacións do grupo de gaitas Santa Combers (12.00 horas); a charanga Os Atrevidos (15.30 horas) e a Orquestra Olympus (19.00 horas). No descanso da orquestra, procederase a facer unha tirada de fogos artificiais. No apartado gastronómico, hai que subliñar que nesta xornada, as filloas poderanse acompañar de racións de orella, chourizo, lacón, ou ben con chocolate, nata ou mel para os máis lambóns.
E, para que a festa sexa completa e como é habitual, tanto o sábado coma o domingo, a zona do pavillón encherase de animación con atraccións infantís, polbeiros e diversos postos de comida, ademais doutros nos que se poderá comprar artesanía, roupa, libros e outros artigos.
Despois de dous anos de parón e unha pasada edición na que se repartiron 18.000 unidades esgotando os 2.000 litros de amoado, a Festa da Filloa da Pedra prepárase para recibir milleiros de visitantes. Entre eles, contaranse diversas autoridades. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, volverá acudir a unha cita da que xa é habitual. Tamén visitarán o pavillón de San Vicenzo o presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), Francisco López Valladares, que exercerá de pregoeiro; o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos Corral; a presidenta e a xerenta do GDR Terras de Compostela, Guarina Rey e Chefa Fernández; o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández; o tente alcalde de Vedra, Manuel Costa; ou o concelleiro de Turismo de Ames, Manuel Lens.
Máis citas coas filloas da pedra
A maiores da Festa desta fin de semana, un produto tan asociado ao entroido como as filloas da Pedra da Baña viaxarán a outros lugares nestas datas. Así, poderanse gozar na Estrada grazas a un intercambio que fará o CPI San Vicente da Baña co CEIP Manuel Villar Paramá, de San Xurxo de Vea, que traerá pola súa parte ata A Baña unha representación dos seus Xenerais da Ulla.
Ademais, as filloas da pedra da Baña tamén terán presenza o domingo 19 pola tarde no Entroido de Santa Comba e representantes da Asociación Filloas da Pedra da Baña desprazaranse a Madrid para dar a coñecer este afamado produto o día 28 de febreiro na Casa de Galicia ando.