A Festa da Filloa da Pedra da Baña chega este domingo á súa décimo quinta edición exaltando este produto inconfundible por sabor e calidade. O programa de eventos comeza ás dez da mañá coa saída dunha ruta para bicicletas de montaña e permitirá ao público degustar filloas durante toda a xornada no polideportivo de San Vicenzo. A festa, inicialmente prevista para o domingo 11 de marzo, houbo de ser adiada ao día 25 por mor do mal tempo.
O Concello, en colaboración coa Asociación de Filloas da Pedra da Baña, preparou un amplo programa para celebrar que xa van quince anos de exaltación desta receita tradicional que leva o nome do municipio barcalés. A festa abrirá ás dez da mañá, e desde esa mesma hora poderanse degustar filloas, das que se prevé elaborar máis de oito mil de 50 x 50 centímetros cada unha. A Asociación de Filloas da Pedra da Baña preparará uns 1.300 litros de amoado, con auga, fariña, ovos e sal, para cociñar nas corenta pedras dispostas para a ocasión.
O primeiro evento do día será a II Ruta BTT Filloa da Pedra que levará aos ciclistas polos montes e espazos naturais da contorna e no que xa hai máis de oitenta deportistas inscritos. Está previsto que o último dos participantes chegue contra o mediodía, para proceder ás 15.00h á entrega de trofeos. A esta mesma hora daranse os premios do campionato de chave para adultos que se celebrará ás 10.30 h.
A profesora e escritora Marga Cancela Negreira será a encargada de ler o pregón da celebración, ás 13.00 horas. A Festa da Filloa da Pedra gozará de música e entretemento durante todo o día: ás 12.00 actuarán Os Campantes da Baña; ás 15.00, a charanga Pena do Corvo; e ás 18.30 a orquestra Santiago.
Para que nenos e nenas poidan tamén pasar un gran día, a organización disporá dun servizo de ludoteca de 12.30 a 15.30, e dunha tarde chea de animación. A partir das 15.30 haberá actividades como tiro con arco e zancos, e actuacións para público infantil como o ‘Brinca vai’ de Paco Nogueiras (16.30 h).