-
A listaxe provisional de solicitudes admitidas farase pública o 26 de abril e a definitiva, o 16 de maio //
-
O prazo para formalizar a matrícula estará aberto do 18 ao 31 de maio //
O Punto de Atención á Infancia (PAI) da Baña abrirá do 10 ao 21 de abril o prazo de solicitude de praza para o curso 2023-24, tanto para aquelas familias que xa teñan menores escolarizados no centro como para aquelas outras que desexen incorporarse por primeira vez. Así o contempla o decreto de convocatoria aprobado polo alcalde, feito público hoxe, venres 31 de marzo.
Poden solicitar praza no centro as familias con nenos e nenas de entre 3 meses a 3 anos. As familias interesadas deberán presentar o modelo de solicitude de reserva ben no rexistro municipal, ben na sede electrónica do Concello (neste enlace). O formulario pódese descargar na web municipal (neste enlace en PDF e en word no arquivo adxunto).
As familias con crianzas xa matriculadas no PAI deberán aportar xunto coa solicitude, copia do DNI ou NIE dos proxenitores, titores/as ou representantes legais; o certificado de empadroamento da unidade familiar e, no seu caso, certificado de empresa ou contrato laboral. Este certificado de empadroamento poderá ser substituído por unha autorización expresa de consulta dos datos persoais do padrón do Concello da Baña. Tamén, de ser o caso, un informe do equipo de valoración da discapacidade.
Aquelas familias que soliciten praza por primeira vez, ademais da documentación anteriormente sinalada tamén deberán aportar copia certificada da declaración do IRPF de cada membro da unidade familiar ou, no seu caso, certificación de imputación de rendas e certificación de ingresos referidos ao mesmo período; copia da última nómina ou informe da vida laboral; acreditación da situación de desemprego, de ser o caso; un informe do equipo de valoración da discapacidade (no caso de integración de prazas); o libro de familia numerosa, de ser o caso, ou resgardo de ter presentado a súa solicitude; se é familia monoparental, a documentación acreditativa. E, no caso de violencia de xénero, aportarase o certificado da orde de protección ou a medida de cautela, o informe dos servizos sociais ou a certificación dos servizos autonómicos de acollida.
O Concello da Baña publicará o 26 de abril a listaxe provisional de solicitudes admitidas. Do 27 ao 11 de maio abrirase o período de reclamacións.
A listaxe definitiva de solicitudes admitidas farase pública o 16 de maio e o período de formalización de matrícula estará aberto do 18 ao 31 de maio.
Tanto o formulario de solicitude de praza, como o decreto da alcaldía e a documentación complementaria poden consultarse nos documentos adxuntos.