14 de agosto de 2024

Publícase a resolución da alcaldía coa listaxe de novas inscricións ou novas quendas no campamento municipal de verán da Baña 2024, coa correspondente taxa de pagamento que deberá formalizarse no prazo de 5 días hábiles.

Así mesmo, anúnciase que quedan prazas libres na quenda do 26 de agosto ao 6 de setembro. As familias que o desexen poderán solicitar prazas cunha antelación mínima de 7 días naturais previos ao inicio de cada quenda.

A resolución pode consultarse no documento adxunto ou premendo nesta ligazón.

Esta actividade está financiada con cargo aos fondos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, no marco do Plan Corresponsables para o exercicio 2024.

 

31 de xullo de 2024

Publícase a listaxe de novas inscricións ou novas quendas no campamento municipal de verán da Baña 2024, coa correspondente taxa de pagamento que deberá formalizarse no prazo de 5 días hábiles.

Así mesmo, anúnciase que quedan prazas libres nas quendas do 12 ao 23 de agosto e do 26 de agosto ao 6 de setembro. As familias que o desexen poderán solicitar prazas cunha antelación mínima de 7 días naturais previos ao inicio de cada quenda.

A resolución pode consultarse no documento adxunto ou premendo nesta ligazón.

 

12 de xullo de 2024

Faise pública a resolución da alcaldía na que se recollen novas inscricións, por causas extraordinarias, no campamento municipal de verán da Baña 2024.

Establécese un prazo de cinco días hábiles para pagar as taxas correspondentes.

A resolución pode consultarse en documento adxunto e premendo nesta ligazón. 

 

8 de xullo de 2024

Faise pública a resolución da alcaldía con novas inscricións, renuncias e solicitudes de devolución de pagamento no campamento municipal de conciliación de verán da Baña 2024.

O campamento conta aínda con prazas libres nas quendas do 29 de xullo ao 9 de agosto, do 12 ao 23 de agosto e do 26 de agosto ao 6 de setembro. As familias que o desexen poderán solicitar as prazas ata sete días antes o inicio de cada quenda.

A resolución pode consultarse en documento adxunto e nesta ligazón. 

Campamento de verán logos. A Baña.

 

27 de xuño de 2024

Publícase un decreto da alcaldía con novas inscricións ou novas quendas, coa correspondente taxa de pagamento, no campamento municipal de conciliación de verán da Baña 2024.

Establécese un prazo de pago de 5 días hábiles a contar dende a publicación do presente decreto. A falta de pago implicará a perda da praza e do dereito ao desfrute do servizo.

Por outra banda, requírese a varias familias xa inscritas a achega do xustificante de pago polo procedemento correcto nun prazo máximo de 10 días hábiles.

Unha vez admitidas as novas inscricións, quedan prazas libres nas quendas do 15 ao 26 de xullo, do 29 ao 9 de agosto, do 12 ao 23 de agosto e do 26 de agosto ao 6 de setembro. As familias que o desexen poderán solicitar prazas cunha antelación mínima de 7 días naturais previos ao inicio de cada quenda.

O decreto pode consultarse nos arquivos adxuntos ou premendo nesta ligazón.

 

13 de xuño de 2024

Faise pública a listaxe definitiva de rapazada admitida e excluída do campemtno de verán, incluído dentro do programa de Conciliación 2024 do Concello da Baña.

As familias das nenas e nenos admitidos teñen ata o xoves 20 de xuño para facer efectivo o pagamento e presentar o xustificante no rexistro municipal ou a través da sede electrónica. 

O decreto coa listaxe, os prezos e as normas para o pagamento poden consultarse no documento adxunto e premendo nesta ligazón.

 

10 de xuño de 2024

Faise pública a listaxe provisional de nenas e nenos admitidos para o Campamento de Verán 2024, que pode consultarse no documento adxunto a esta nova (neste enlace).

Outórgase un prazo para reclamacións e/ou mellora voluntaria da documentación de dous (2) días hábiles.

 

27 de maio de 2024

Desenvolverase dende o 24 de xuño ata o 6 de setembro en Agra de Chans || 

As familias poden anotarse ata o 6 de xuño ||

Ofértanse 70 prazas en seis quendas cun horario de 08.00 a 15.00 horas de luns a venres laborais ||

O Concello da Baña abre mañá, martes 28 de maio, o prazo de inscrición no Campamento de Verán 2024, dirixido a nenos e nenas escolarizadas de entre 3 e 14 anos, que se desenvolverá entre o 24 de xuño e o 6 de setembro. A iniciativa, que forma parte do Programa de Conciliación Municipal e conta con financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e do Ministerio de Igualdade a través do Plan Corresponsables, ten como obxectivo ofrecerlles ás crianzas un espazo onde participar de actividades de carácter lúdico, social e educativo, ao tempo que se facilita e promove a vida laboral e familiar dos seus proxenitores ou titores. Nesta edición auméntase o número de prazas pasando das 60 do pasado ano ás 70 deste 2024 e tamén os días, xa que o servizo prestarase xa dende o 24 de xuño unha vez que finalice o curso escolar.

O servizo prestarase na área recreativa municipal de Agra de Chans, salvo que as condicións meteorolóxicas obriguen ao traslado a algunha das instalacións municipais a cuberto, en horario de 8.00 a 15.00 horas de luns a venres laborais.

O Campamento de Verán 2024 na Baña ofrece 70 prazas, 10 máis que na pasada edición, e desenvolverase por quendas. A primeira quenda será do 24 ao 28 de xuño; a segunda do 1 ao 12 de xullo, a terceira será do 15 ao 26 de xullo, a cuarta será do 29 de xullo ao 9 de agosto, a quinta do 12 ao 23 de agosto, e a sexta do 26 de agosto ao 6 de setembro. Durante estes períodos levaranse a cabo actividades de índole educativa e cultural que fomentarán o fortalecemento de valores como a solidariedade, a confianza, a cooperación e o respecto persoal e colectivo.

O prazo de inscrición ábrese o 28 de maio e permanecerá aberto ata o xoves 6 de xuño. As solicitudes presentadas fóra de prazo irán a unha listaxe de agarda. No baremo das prazas terán prioridade os menores cuxa unidade familiar estea empadroada na súa totalidade no municipio, en segundo lugar os menores que sexan fillos/as do persoal que presta servizo no Concello da Baña con necesidades de conciliación acreditada e despois as crianzas censadas no municipio.

Segundo as bases que regulan o Campamento de Verán 2024 aprobadas polo Concello, as solicitudes deberán ir asinadas polo pai, nai ou titor/a legal. Ademais de cubrir a folla de inscrición, as persoas solicitantes deberán aportar unha fotocopia do DNI do/a menor, a fotocopia do documento de identidade da persoa titular da conta; documentación que indique a ocupación dos pais/nais, titores/titoras e, de ser o caso, o informe médico que acredite calquera tipo de tratamento especial.

Unha vez cumprimentada a ficha de inscrición, esta debe presentarse, xunto co resto da documentación, ben no rexistro do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou ben por sede electrónica ata o 6 de xuño.

Prezos do servizo

O prezo do Campamento de Verán 2024 para as persoas censadas na Baña é de 40 euros por cada quincena (20 € por semana) no caso de que só participe un menor da unidade familiar; 32 € polo segundo irmán ou irmá (16 € a semana) e 20 € polo terceiro (10 € a semana).

Para as persoas non censadas, as contías a abonar serán de 60, 45 e 30 euros por cada quincena (a metade se acode unha semana). Naqueles casos nos que a unidade familiar, empadroada na Baña, non conte cuns ingresos iguais ou superiores a dúas veces o IPREM (600 €/mes), e tras a emisión do informe pertinente, a contía a pagar será 20 € se só participa un menor, 16 € polo segundo e 10 € polo terceiro, respectivamente (a metade se acode unha semana).

Listaxe de admitidos

A listaxe de persoas admitidas publicarase tanto na páxina web do Concello como nas oficinas municipais e haberá un prazo de dous días para presentar reclamacións. Unha vez resoltas as reclamacións, publicaranse as listas definitivas.

No caso de que as inscricións presentadas en prazo superen as prazas ofertadas, o Concello procederá a un sorteo público. Os/as solicitantes que queden sen praza pasarán a formar parte dunha listaxe de agarda. Todas as inscricións presentadas fóra de prazo pasarán tamén a formar parte da listaxe de agarda pero a continuación das presentadas dentro do prazo.

As cotas pagaranse unha vez que se saiba que a persoa solicitante conta con praza, logo da publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas e nun período máximo de 5 días. O formulario de achega de documentación pode descargarse no seguinte enlace: https://sede.concellodabana.gal/sxc/gl/procedimientosytramites/tramites/AportacionDocumentacion_N. Indicarase no campo “Código de expediente” o seguinte: 2024/D008/000001; no campo “Descrición do expediente ou proceso”: Campamento de verán 2024 e as datas de inicio e final do período de desfrute do servizo; e no campo “Observacións” o nome/s da/s persoa/s usuaria/s (neno/s e/ou nena/s inscritas no campamento de verán).

As persoas interesadas poden consultar a bases nos arquivos adxuntos, así como descargar a ficha de inscrición e os formularios.