20251119 BrincaNadal2025

9-12-2025

Publícase a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas no Brincanadal 2025-2026, o campamento de Nadal organizado polo Concello da Baña para facilitar a conciliación laboral e familiar durante as vacacións escolares.

O prazo para facer o pagamento e confirmar a praza é de 5 días naturais. Este pagamento realizarase nun dos números de contas seguintes das que é titular o Concello da Baña:

• ES92 2080 0326 1731 1000 0035 (ABANCA)

• ES26 0238 8191 8806 6000 1061 (SANTANDER)

A resolución pode consultarse no documento adxunto ou nesta ligazón

 

19-11-2025

O Concello abre o prazo de inscrición no BrincaNadal ata o 3 de decembro

  • O campamento de conciliación das vacacións de inverno vai dirixido a crianzas de 3 a 13 anos

  • Desenvolverase no local social de San Vicenzo entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro en horario de mañá

O Concello da Baña pon en marcha unha nova edición do BrincaNadal, o campamento de conciliación pensado para que as crianzas poidan desfrutar dun espazo lúdico e educativo durante todas as vacacións escolares de Nadal. A inscrición estará aberta entre o 20 de novembro e o 3 de decembro, e toda a documentación necesaria para realizar o trámite atópase dispoñible na sede electrónica e no documento adxunto.

O BrincaNadal celebrarase no Local Social de San Vicenzo, nos días laborais comprendidos entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro, ambos os dous incluídos. O horario será de 08.00 a 15.00 horas, co obxectivo de facilitar a conciliación das familias durante este período non lectivo. A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos, que poderán gozar de actividades variadas de carácter lúdico e educativo.

As inscricións deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica, asinadas pola nai, pai ou titor legal. O proceso require a solicitude cuberta, os documentos de identidade das persoas menores e da titular da conta bancaria, así como o informe médico no caso de seren precisos tratamentos ou condicións especiais e a tarxeta sanitaria das persoas usuarias. As solicitudes fóra de prazo pasarán automaticamente á listaxe de agarda.

Os prezos desta edición establécense en 25 euros para o primeiro participante censado (50 se non o está), 20 euros para o segundo (40 para non censados) e 15 euros para o terceiro (25 para non censados). O campamento está organizado pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía.