-
A iniciativa ofrece 20 prazas para crianzas de entre 3 e 13 anos durante os días 16, 17 e 18 de febreiro
-
O servizo desenvolverase no Local Social de San Vicenzo en horario de 08.00 a 15.00 horas.
-
As familias interesadas teñen ata o 6 de febreiro para formalizar a súa solicitude no Rexistro do Concello

O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía pon en marcha unha nova edición do programa de conciliación Entroido 2026. Esta iniciativa busca ofrecer ás familias do municipio un recurso eficaz para compatibilizar a vida laboral e persoal durante as vacacións escolares de febreiro, ao tempo que proporciona ás crianzas un espazo lúdico, social e educativo de calidade.
O campamento desenvolverase os días 16, 17 e 18 de febreiro nas instalacións do Local Social de San Vicenzo. O horario de atención será de 08.00 a 15.00 horas, cubrindo a xornada de mañá con actividades culturais, promovendo valores como a cooperación e a convivencia, supervisadas por monitorado especializado.
O programa oferta un total de 20 prazas dirixidas a menores escolarizados con idades comprendidas entre os 3 e os 13 anos. Á hora de adxudicar as prazas, o Concello establece unha orde de prioridade que favorece ás crianzas empadroadas na Baña, seguidas dos fillos e fillas do persoal municipal e, finalmente, crianzas non censadas no municipio.
Inscrición e prezos
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 6 de febreiro de 2026. Serán admitidas todas as solicitudes que cumpran os requisitos de idade, acheguen a documentación esixida e aboen as taxas correspondentes. As solicitudes presentadas fóra de prazo pasarán a unha listaxe de agarda.
A documentación necesaria inclúe a solicitude oficial, xustificante de pagamento, acreditación da necesidade de conciliación por motivos laborais, tarxeta sanitaria e, de ser o caso, informe médico. As tarifas mantéñense accesibles para facilitar a participación:
- Censados: 10€ para o primeiro fillo/a e 5€ para o segundo e sucesivos.
- Non censados: 20€ para o primeiro fillo/a e 10€ para o segundo e sucesivos.
As bases completas da convocatoria poden consultarse nos documentos adxuntos, na Sede Electrónica do Concello da Baña e nas dependencias de Servizos Sociais municipais.
As familias que precisen máis información poden contactar cos Servizos Sociais no teléfono 981 88 65 01.