Reproducimos a continuación, a declaración institucional aprobada pola Corporación da Baña, que foi lida no pleno ordinario do 28 de abril de 2021:

 

Declaración a prol do Concello da Baña libre de parques eólicos

 

Os grupos políticos que conformamos a Corporación do Concello da Baña,

Manifestamos::

Que estamos seriamente preocupados pola posible implantación de varios parques eólicos no noso concello, o máis eminente é o denominado Parque eólico de Troitomil.

Que a construción deste parque eólico non beneficiará a veciñanza da Baña, que suporá un grande impacto medioambiental para toda a contorna, poñerá en perigo espazos naturais, os mananciais dos cales nos servimos moitos de nós, as terras de labradío e as destinadas á reforestación, sen esquecer as molestias acústicas debido á proximidade das torres eólicas ás nosas vivendas (500 metros).

Que, dende o punto de vista económico, a veciñanza non se beneficia dunha maneira axeitada da perda das súas terras, o que fai que o noso concello, un concello rural, experimente un novo retroceso na súa economía coas consecuencias que isto implica.

Que estamos fartos de que as poboacións rurais soportemos os enormes custos ambientais da produción de enerxía eólica, con proxectos fraccionados de forma fraudulenta, xa que comparten infraestruturas entre si, pero que se presentan como pequenos proxectos, evitando así un maior control das administracións.

Que, por todo isto, dende esta institución, estamos e estaremos a carón da nosa veciñanza, apoiando as súas reivindicacións e iniciativas para tratar entre todos e todas de frear a instalación dos parques eólicos no noso concello.

A Baña, 28 de abril de 2021

20210428 Manifesto Baña Libre Parques Eolicos