- Considera que a Lei de Montes prohibe o cambio de uso de monte incendiado, como é ocaso
- Non se respectan os 500 metros de distancia dos muíños ás edificacións e o polígono ocupa unha superficie desproporcionada, son outros dos aspectos indicados
O Concello da Baña remitiu á Consellería de Economía, Empresa e Innovación as alegacións que dende a administración municipal se presentan contra o parque eólico de Troitomil, solicitándolle á Xunta de Galicia que rexeite de plano a continuación da tramitación de acordos que se están tramitando e non autorice a construción deste parque eólico.
O Concello destaca no seu escrito que o polígono delimitado no proxecto “resulta dunha amplitude desproporcionada respecto da dimensión do parque eólico proposto”, en tanto que para poñer 5 aeroxeneradores dunha potencia conxunta de 30 MW a liña do polígono do parque eólico de Troitomil ten 4 quilómetros de longo e abarca unha superficie de case 5 millóns de metros cadrados e “inclúe no seu interior varios núcleos de poboación, sobre os que se xeraría unha afección sectorial innecesaria para o obxecto do proxecto”. Os núcleos de poboación afectados son os de Lañas, Cantalarrana, Buchaín, Nantón, San Mamede, Meimendre, Cotarelo, O Castro, Valiña, Vilasuso, Fiopáns, Troitomil e Estivadiña.
O Concello tamén considera que de autorizarse este parque eólico suporía “eliminar unha superficie de 1.558 hectáreas de alto valor produtivo” e volve insistir en que “non se “respectan os 500 metros de distancia esixidos ás edificacións aptas para o uso residencial, polo que na localización actualmente prevista non resulta compatible coa lexislación reguladora”.
Por outra parte, o escrito asinado polo alcalde o sete de abril asegura que a actual Lei de Montes de Galicia impide a autorización deste parque eólico, en tanto en canto se prevé construír sobre terreos de monte incendiados “e están afectados pola prohibición de cambio de uso da Lei de Montes”. No escrito faise mención ao artigo 59 da Lei de Montes, que sinala no seu punto 3 que “en terreos afectados por incendios forestais non poderá producirse un cambio de uso en trinta anos”, un aspecto que, segundo o Concello, afecta ao monte como un todo afectado e non só á superficie efectivamente queimada.
A suspensión cautelar do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do acordo da Xunta polo que se aproba o proxecto supramunicipal do parque eólico A Ruña II (Mazaricos) é outros dos aspectos ao que fan referencia as alegacións municipais.
Con estes argumentos, que se poden ler íntegros no escrito de alegacións que figura no documento adxunto, o Concello da Baña solicítalle á Xunta de Galicia que rexeite de plano continuar coa tramitación do parque eólico de Troitomil.
O Concello da Baña aprobou no último pleno unha declaración institucional rexeitando este parque eólico e defendendo a postura da veciñanza, que presentou máis de 700 alegacións contra este parque eólico.
Por outra banda, o alcalde volveulle solicitar o pasado 7 de maio por segunda vez unha entrevista urxente á conselleira de Medio Ambiente para exporlle a postura do Concello contraria ao parque eólico de Troitomil. A esta reunión acudirían tamén os representantes das asociacións de veciños das parroquias afectadas.
As alegacións presentadas ao parque eólico de Troitomil pódense consultar no documento adxunto.