-
Terán uns itinerarios máis homoxéneos para garantir a coordinación coa entrada e saída das clases
-
A Xunta sinala que os servizos servirán tamén para conectar a veciñanza da baña co núcleo urbano de San Vicenzo durante todo o ano
-
O alcalde da Baña lembra que se trata dun servizo esencial e urxe a que comece a funcionar con normalidade
Seis novas liñas de autobús substituirán a partir do vindeiro luns, 26 de setembro, as que agora prestan servizo ao alumnado do CPI San Vicente, segundo informou hoxe a Xunta de Galicia. A administración autonómica comprométese a reorganizar o transporte escolar para adaptalo ás necesidades das rapazas e rapaces que estudan no colexio da Baña e poñerlle fin a vaga de retrasos e problemas que se veñen arrastrando dende o pasado curso.
A nota da Xunta subliña que “os axustes aprobados recollen as propostas acordadas coa dirección do centro e coas familias”, o que levou á realización de novos itinerarios máis homoxéneos entre as distintas rutas para garantir a coordinación cos horarios de entrada e saída das clases.
Así mesmo, incide en que a administración autonómica mantivo un contacto contínuo coa empresa concesionaria dende o comezo de curso ata aprobar as modificacións nos últimos días.
Por outro lado, lembra que a reorganización das rutas repercute tamén no transporte regular de viaxeiros e se manterá a conexión da veciñanza co núcleo urbano de San Vicenzo durante todo o ano.
O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, reaccionou con satisfacción ao anuncio da reformulación das rutas. Logo de reunirse a principios de xullo co xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Antonio Álvarez, o rexedor bañense volveu falar con el o xoves pasado, coincidindo coa manifestación convocada no colexio, para urxir solucións. “Agardábamos que as novas rutas comezaran co curso e non foi así. Confiamos en que agora si empecen por fin a funcionar con normalidade dende o luns porque se trata dun servizo esencial”, indicou.
A información relativa aos novos servizos poderá consultarse na páxina web www.bus.gal.