A Corporación do Concello da Baña aprobou no pleno ordinario celebrado o 30 de marzo de 2022 por unanimidade de todos os grupos o Plan Municipal de Voluntariado.
O texto íntego do plan é o que figura a continuación e que tamén se pode consultar no documento adxunto e neste enlace.
PLAN MUNICIPAL DE VOLUNTARIADO DO CONCELLO DA BAÑA
A Concellería de Cultura, Educación, Muller, Igualdade e Normalización Lingüística en colaboración coas concellarías de Promoción da Vida Activa e Deportiva e concellaría de Política Social, Formación e Emprego pon ao dispor do tecido asociativo do noso municipio, e da cidadanía en xeral, un PLAN MUNICIPAL DE VOLUNTARIADO co obxectivo xeral de converterse nun referente para a colaboración altruísta do municipio, mantendo canles de comunicación permanentemente abertas coas entidades sociais e as persoas interesadas en realizar actividades de voluntariado.
O Concello da Baña conta cun nutrido grupo de entidades e grupos sociais que tecen, dedicando tempo e esforzo, unha rede extensa e multidimensional. Asociacións veciñais, culturais, deportivas e colectivos sen ánimo de lucro que traballan para conseguir unha sociedade mellor nos máis diversos campos. A maioría destas entidades están integradas por voluntarios e voluntarias, persoas que exercen o seu labor de forma altruísta, participando activamente na súa parroquia e na súa contorna máis próxima. O traballo continuado que desenvolven as persoas voluntarias desde as organizacións constitúe un activo intanxible para A Baña e de enorme valor social. Algunhas delas, ademais, colaboran coa Administración Local e complementan as accións que esta realiza.
É precisamente esta dobre dimensión, a do voluntariado como iniciativa independente que contribúe á mellora da sociedade á vez que eixo complementario que permite desenvolver con maior solvencia o labor institucional, a que acouta o alcance e contido do presente Plan, identificando un conxunto de obxectivos e medidas a través dos cales o voluntariado, como forza motriz autónoma, pode atopar apoio, asistencia e soporte.
O papel, neste sentido, que o propio Plan municipal de voluntariado atribúe ao Concello consiste, en primeiro termo, en prestar a colaboración necesaria para crear, fortalecer e ampliar a rede de voluntariado, xa sexa asesorando ás entidades e grupos locais que queiran impulsar programas de voluntariado ou facilitando a coordinación con veciños/as que desexen converterse en voluntarios/as e necesiten informarse, tomar contacto ou buscar as entidades de voluntariado cuxo ámbito de actuación se atope máis próximo ás súas expectativas e inquietudes.
Este Plan delimita, por último, as liñas de actuación a seguir e establece as pautas básicas para a organización e coordinación das distintas iniciativas. Os seus eixos principais céntranse, como se verá máis adiante, en sensibilizar, promover, formar, coordinar e apoiar tecnicamente ás persoas voluntarias e ás entidades de voluntariado.
MARCO CONCEPTUAL E ÁREAS DE INTERVENCIÓN
Unha cuestión fundamental no deseño das medidas que potencian a acción voluntaria no Concello da Baña é definir correctamente o concepto de voluntariado, as súas áreas de intervención e as organizacións e institucións mediante as cales levan a cabo estas accións.
O VOLUNTARIADO
A efectos da presente lei, ten a consideración de persoa voluntaria a persoa física que, en virtude da súa decisión persoal, libre e altruísta, e nunha situación de inexistencia de relación laboral, mercantil ou de traballo remunerado, participe en calquera actividade de acción voluntaria mediante unha entidade de acción voluntaria. Recoñécese como persoas voluntarias, con todos os dereitos e obrigacións recollidas na lei, ás persoas que sen estar adscritas a entidades de acción voluntaria colaboren en programas de acción voluntaria especificamente organizados polas administracións públicas no ámbito das súas competencias.
As persoas menores de idade poderán participar en programas e proxectos de voluntariado especificamente adaptados ás súas características, mediante autorización expresa dos seus pais, titores ou da institución que os teña ao seu cargo, con respecto en todo caso á vontade da ou o menor.
A condición de persoal voluntario é compatible coa condición de membro da directiva da entidade e coa de coordinador de programas ou proxectos de voluntariado, a condición de que o cargo non sexa retribuído.
A condición de persoa voluntaria é incompatible co desempeño de calquera actividade suxeita a retribución económica pola mesma entidade de acción voluntaria en que se integre, cuxa natureza, contido e obxecto poidan ter relación cos propios da actividade voluntaria.
Atendendo ao disposto Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria e complementariamente, no artigo 3 da Lei 45/2015, de 14 de octubre, de Voluntariado enténdese por voluntariado o conxunto de actividades de interese xeral desenvolvidas por persoas físicas, sempre que reúnan os seguintes requisitos:
- a) Que teñan carácter solidario.
- b) Que a súa realización sexa libre, sen que teñan a súa causa nunha obrigación persoal ou deber xurídico e sexa asumida voluntariamente.
- c) Que leven a cabo sen contraprestación económica ou material, sen prexuízo do abono dos gastos reembolsables que o desempeño da acción voluntaria ocasione aos voluntarios de acordo co establecido no artigo 12.2.d) da mesma lei.
- d) Que se desenvolvan a través de entidades de voluntariado con arranxo a programas concretos e dentro ou fóra do territorio español sen prexuízo do disposto nos artigos 21 e 22 da lei. Enténdese por actividades de interese xeral, aquelas que contribúan en cada un dos ámbitos de actuación do voluntariado a que fai referencia o artigo 6 a mellorar a calidade de vida das persoas e da sociedade en xeral e a protexer e conservar a contorna.
Non terán a consideración de actividades de voluntariado as seguintes:
- a) As illadas ou esporádicas, periódicas ou non, prestadas á marxe de entidades de voluntariado.
- b) As executadas por razóns familiares, de amizade ou de boa veciñanza.
- c) As que se realicen en virtude dunha relación laboral, funcionarial, mercantil ou de calquera outra mediante contraprestación de orde económica ou material.
- d) Os traballos de colaboración social aos que se refire o Real Decreto 1445/1982, de 25 de xuño, polo que se regulan diversas medidas de fomento do emprego.
- e) As bolsas con ou sen prestación de servizos ou calquera outra actividade análoga cuxo obxectivo principal sexa a formación.
- f) As prácticas non laborais en empresas ou grupos empresariais e as prácticas académicas externas.
DEREITOS DAS PERSOAS VOLUNTARIAS
A Lei 6/1996, do 15 de Xaneiro, do Voluntariado recolle no seu artigo 9, que as persoas voluntarias teñen os seguintes dereitos:
- Recibir, tanto con carácter inicial como permanente, a información, formación, orientación, apoio e, no seu caso, medios materiais necesarios para o exercicio das funcións que se lles asignen.
- Ser tratados sen discriminación, respectando a súa liberdade, dignidade, intimidade e crenzas.
- Participar activamente na organización en que se insiran, colaborando na elaboración, deseño, execución e avaliación dos programas, de acordo cos seus estatutos ou normas de aplicación.
- Ser asegurados contra os riscos de accidente e enfermidade derivados directamente do exercicio da actividade voluntaria, coas características e polos capitais asegurados que se establezan regulamentariamente.
- Ser reembolsados polos gastos realizados no desempeño das súas actividades.
- Dispoñer dunha acreditación identificativa da súa condición de voluntario.
- Realizar a súa actividade nas debidas condicións de seguridade e hixiene en función da natureza e características daquela.
- Obter o respecto e recoñecemento polo valor social da súa contribución.
OBRIGAS DAS PERSOAS VOLUNTARIAS
A Lei 6/1996, do 15 de Xaneiro, do Voluntariado recolle no seu artigo 9, que as persoas voluntarias teñen as seguintes obrigacións:
- Cumprir os compromisos adquiridos coas organizacións nas que se integren, respectando os fins e a normativa das mesmas.
- Gardar, cando cumpra, confidencialidade da información recibida e coñecida no desenvolvemento da súa actividade voluntaria.
- Rexeitar calquera contraprestación material que puidesen recibir ben do beneficiario ou doutras persoas relacionadas coa súa acción.
- Respectar os dereitos dos beneficiarios da súa actividade voluntaria.
- Actuar de forma dilixente e solidaria.
- Participar nas tarefas formativas previstas pola organización de modo concreto para as actividades e funcións confiadas, así como as que con carácter permanente se precisen para manter a calidade dos servizos que presten.
- Seguir as instrucións adecuadas aos fins que se impartan no desenvolvemento das actividades encomendadas.
LEIS VOLUNTARIADO
ÁREAS DE INTERVENCIÓN
Establécense as seguintes áreas potenciais de intervención, a condición de que as actividades que no seu caso se programen queden expresamente enmarcadas dentro do ámbito competencial municipal:
- a) Voluntariado social, que se desenvolve mediante a intervención coas persoas e a realidade social, fronte a situacións de vulneración, privación ou falta de dereitos ou oportunidades para alcanzar unha mellor calidade de vida e unha maior cohesión e xustiza social.
- b) Voluntariado internacional de cooperación para desenvolvemento, vinculado tanto á educación para o desenvolvemento como parte do proceso educativo e de transformación, como á promoción para o desenvolvemento no relativo á acción humanitaria e a solidariedade internacional, realícese no noso país, en países ou territorios receptores de cooperación ao desenvolvemento ou en calquera país onde se declare unha situación de necesidade humanitaria, sen prexuízo das actividades realizadas neste ámbito polos cooperantes, que se rexerán polo Real Decreto 519/2006, de 28 de abril, polo que se establece o Estatuto dos cooperantes.
- c) Voluntariado ambiental, que persegue diminuír o impacto negativo do ser humano sobre o medio ambiente e pór en valor o patrimonio natural existente, as especies animais e vexetais, os ecosistemas e os recursos naturais realizando, entre outras, accións de protección e recuperación da flora e fauna, a biodiversidade natural dos distintos hábitats, e defensa do medio forestal; de conservación e mellora da auga, dos ríos e outros elementos do medio hídrico; do litoral, das montañas e demais elementos da paisaxe natural; de educación e sensibilización ambiental; de protección dos animais; e calquera outras que contribúan a protexer, conservar e mellorar o medio ambiente.
- d) Voluntariado cultural, que promove e defende o dereito de acceso á cultura e, en particular, a integración cultural de todas as persoas, a promoción e protección da identidade cultural, a defensa e salvagarda do patrimonio cultural e a participación na vida cultural da comunidade.
- e) Voluntariado deportivo, que contribúe á cohesión cidadá e social, sumando os valores propios do voluntariado con aqueles outros inherentes ao deporte, apostando decididamente por fomentar a dimensión comunitaria no desenvolvemento da práctica deportiva en calquera das súas manifestacións, incluído o voluntariado en deporte practicado por persoas con discapacidade e por favorecer un maior e decidido compromiso de quen practican deporte na vida asociativa, como maneira eficaz de promover a súa educación e inclusión social.
- f) Voluntariado educativo, que como acción solidaria planificada e integrada no sistema e a comunidade educativa mellore as posibilidades de realización de actividades extraescolares e complementarias contribuíndo, en particular, a compensar as desigualdades que puidesen existir entre os alumnos por diferenzas sociais, persoais ou económicas, mediante a utilización, entre outros, de programas de aprendizaxe-servizo.
- g) Voluntariado socio-sanitariono que se combinan, a promoción da saúde, a prevención da enfermidade, a asistencia sanitaria, a rehabilitación e a atención social que vai dirixida ao conxunto da sociedade ou aos colectivos en situación de vulnerabilidade, e que, mediante unha intervención integral e especializada nos aspectos físico, psicolóxico e social, ofrece apoio e orientación ás familias e á contorna máis próxima, mellorando as condicións de vida.
- h) Voluntariado de lecer e tempo libre, que forma e sensibiliza nos principios e valores da acción voluntaria mediante o desenvolvemento de actividades no ámbito da educación non formal, que fomenten o desenvolvemento, crecemento persoal e grupal de forma integral, impulsando habilidades, competencias, aptitudes e actitudes nas persoas, que favorezan a solidariedade e a inclusión, e logren o compromiso, a participación e a implicación social.
- i) Voluntariado comunitario, que favorece a mellora da comunidade, e promove a participación con maior poder de decisión e iniciativa para resolver os problemas e esixir maior calidade de vida nos espazos vitais máis próximos onde se desenvolven os voluntarios, vertebrando unha sociedade solidaria, activa, crítica, comprometida e corresponsable.
- j) Voluntariado de protección civil, que colabora regularmente na xestión das emerxencias, nas actuacións que se determinen polo Sistema Nacional de Protección Civil sen prexuízo do deber dos cidadáns nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública, como expresión e medio eficaz de participación cidadá na resposta social a estes fenómenos, nos termos que establezan as normas aplicables.
O PAPEL DA ADMINISTRACIÓN LOCAL
O artigo 19 dá lei 4/2001 determina que corresponde ás entidades locais, no ámbito dás súas competencias territoriais:
- a) Promover a actividade de voluntariado nos seus respectivos termos municipais, así como fomentar a participación cidadá.
- b) Ofrecer a información necesaria a aquela cidadanía interesada nas actividades de voluntariado.
- c) Divulgar e dar publicidade das actividades e necesidades das entidades de voluntariado, sempre que exista dotación orzamentaria ou derive do cumprimento dun convenio ou acordo coa administración autonómica.
- d) Facilitar apoio técnico e administrativo ás entidades de voluntariado, cando estas así o requiran e a entidade local dispoña dos medios persoais e materiais suficientes para iso.
- e) Fomentar a coordinación entre as diversas entidades de voluntariado, así como co resto de administracións que concorran no territorio.
Os concellos, en coordinación coas entidades de voluntariado da localidade, presentarán anualmente o proxecto de fomento e promoción do voluntariado a realizar no seu municipio cando queiran colaborar nas actuacións concertadas coa Xunta de Galicia. O Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia ao que se refire o artigo 32 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de Acción Voluntaria, regúlase pola Orde do 14 de marzo de 2014. Este Rexistro configúrase como un órgano único e público que asumirá as funcións de cualificación e inscrición das entidades de acción voluntaria, o depósito das experiencias das persoas voluntarias e a certificación das accións voluntarias desenvolvidas por estas.
O Rexistro estará adscrito á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que é o órgano que ten as competencias en materia de acción voluntaria. O Rexistro funcionará de xeito coordinado co Rexistro de Entidades de Voluntariado de Protección Civil e Emerxencias previsto no artigo 48 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.
EIXOS DE ACTUACIÓN
Os eixos de actuación do Plan de Voluntariado do Concello da Baña serán os seguintes: sensibilización, promoción, formación, coordinación e información/apoio técnico.
Sensibilización
- Obxectivos:
- Concienciar aos diferentes sectores sobre a importancia de colaborar en accións de voluntariado como instrumento para conseguir unha sociedade máis xusta e solidaria.
- Fomentar e potenciar unha auténtica cultura do voluntariado.
- Incrementar a información sobre o voluntariado, as organizacións que o desenvolven, os sectores de actuación e as canles de participación na acción solidaria.
- Medidas:
- Campaña xeral de difusión do Plan municipal de voluntariado.
- Deseño de actividades de promoción e concienciación social (campañas publicitarias, charlas, distribución de materiais...) dirixidas de maneira individualizada aos sectores onde se vai centrar a captación de voluntarios e voluntarias.
Promoción
- Obxectivos:
- Impulsar, fomentar e potenciar o tecido asociativo.
- Achegar a todos os cidadáns e cidadás as canles de participación voluntaria, de forma que cada persoa poida actuar no ámbito da súa preferencia.
- Impulsar iniciativas voluntarias nas diferentes áreas de intervención do voluntariado, creando un marco favorable para o seu desenvolvemento.
- Propiciar o recoñecemento social e institucional do labor voluntario.
- Medidas:
- Mantemento e continua actualización da base de datos de asociacións e entidades.
- Portal web de Voluntariado incorporado na web municipal. O portal incluirá información detallada sobre os diferentes servizos que conta o Programa Municipal de Voluntariado, así como información de interese para este sector. Ademais contará cunha sección específica para cada un dos sectores ou áreas de voluntariado (deportivo, ambiental, comunitario...).
- Creación dunha Bolsa do Voluntariado, que permitirá poñer en contacto, ás persoas que se ofrezan a prestar o seu traballo voluntario coas entidades de voluntariado presentes no Concello da Baña. Para iso, cumprimentarase unha ficha por parte dasentidades que necesiten persoal voluntario e deseñarase outra ficha a cumprimentarpola persoa voluntaria, procesando toda a información a través dunha base de datos deseñada a tal fin. O obxectivo é ofrecer aos cidadáns e ás Entidades, os perfís que máis se adecúen tanto á demanda da persoa voluntaria, como ás características e necesidades das entidades.
- Soporte á participación de voluntarios en actos, eventos e outras iniciativas organizadas desde o Concello e susceptibles de contar coa axuda do voluntariado.
- Impulso de proxectos específicos orientados a facilitar a consolidación de novasáreas de intervención que dean resposta a demandas da sociedade.
- Celebración, na periodicidade que se estableza, do Día do Voluntariado e/ou adopción de medidas para o recoñecemento social e institucional do labor desenvolvido polo colectivo de persoas voluntarias áreas de intervención que dean resposta a demandas da sociedade.
Formación
- Obxectivos:
- Ofrecer formación ao voluntariado en diversos temas e problemáticas sociais así como en sectores de poboación que lle fagan desenvolver o seu labor da maneira máis idónea.
- Garantir unha mellor calidade e especialización na acción que realizan tanto os voluntarios como as entidades de voluntariado.
- Incrementar a capacidade xestora dos responsables das entidades.
- Medidas:
- Desenvolvemento dun programa de formación dirixido a mellorar a capacitación dos novos voluntarios e voluntarias, a mellorar a especialización dos xa iniciados e a formar aos responsables de entidades. Este curso proporcionará unha visión xeral do voluntariado: características; dereitos e deberes; marco legal e ético da acción voluntaria e dará a coñecer a oferta de accións e de organizacións no campo da solidariedade e a cooperación existente no noso municipio. Complementariamente, ofrecerá unha aproximación aos coñecementos e habilidades necesarias para a intervención social a través do voluntariado.
- Impartición de cursos específicos de carácter sectorial, en colaboración coas entidades de presentes no Concello da Baña.
Coordinación
- Obxectivos:
- Impulsar a coordinación e colaboración entre os distintos Organismos públicos e privados que desenvolven programas ou accións que incidan no voluntariado.
- Fomentar a colaboración entre o Concello da Baña e as entidades de voluntariado.
- Fomentar a coordinación entre entidades.
- Medidas:
- Incorporación dunha sección para o intercambio de información e experiencias, e demandas de colaboración entre as entidades da Baña, no portal web.
- Creación de espazos de encontro, entre colectivos de voluntariado que actúen co mesmo sector, que xeren unha estrutura estable de relacións que axuden a conseguir obxectivos comúns.
Información/apoio técnico
- Obxectivos:
- Facilitar o apoio técnico que precisen o voluntariado para o adecuado desenvolvemento do seu labor.
- Orientar e facilitar o acceso aos recursos existentes.
- Facilitar os medios necesarios para o desenvolvemento das súas actividades.
- Medidas:
- Dotación dun apoio municipal que proporcione información e/ou asistencia relacionada coa promoción do Voluntariado.
- Creación do Teléfono de Atención e Asesoramento a Voluntarios e Voluntarias. Habilitarase un número específico para atender todas as chamadas referentes a este servizo.
PROCESO METODOLÓXICO
A coordinación do Plan municipal de voluntariado do Concello da Baña corresponderá á de Cultura, Educación, Muller, Igualdade e Normalización Lingüística, que será responsable de cohesionar as accións de voluntariado emprendidas desde outras áreas municipais, desde outros estamentos públicos, e desde as institucións sociais e organizacións sen ánimo de lucro.
O Plan incorpora, nas diferentes fases do seu desenvolvemento, a participación como criterio marco de traballo, co fin de fomentar a implicación activa de todos os axentes que interveñen no voluntariado e propiciar escenarios para o debate e o intercambio de opinións entre todos os axentes de cada unha das áreas de intervención.
As fases metodolóxicas previstas para a execución do Plan son as seguintes:
1ª FASE.- Implementación do programa
- Elaboración do borrador do Plan municipal de voluntariado para o seu consenso.
- Presentación do documento ás distintas áreas municipais que poidan estar implicadas no ámbito do voluntariado, para recoller propostas de mellora.
- Presentación do documento ás entidades de voluntariado e axentes sociais do municipio relacionados con este sector, e recollida de propostas de mellora.
- Incorporación ao texto as achegas realizadas e redacción do documento definitivo.
- Difusión e promoción do Plan municipal de voluntariado.
2ª FASE.- Desenvolvemento do Plan
En primeiro lugar desenvolveranse actividades de concienciación social e sensibilización naqueles ámbitos onde se vai a centrar a captación de voluntarios e programaranse actividades de promoción do voluntariado. As actividades enmarcadas nos eixos de sensibilización e promoción deberán instaurar unha cultura do voluntariado entre os cidadáns, que propicie a incorporación destes ao Plan municipal de voluntariado.
Para aquelas persoas que queiran realizar accións de voluntariado, crearase unha Bolsa de Voluntariado, que ofreza información sobre onde e como poden participar. Calquera persoa que decida ser voluntaria poderá acudir á área municipal encargada da coordinación do voluntariado. Alí realizarase unha primeira acollida e proporcionaráselle información xeral sobre as fases a seguir para incorporarse ao programa de voluntariado dalgunha das entidades presentes na área de intervención que lle resulte de interese.
Incorporación ao Plan
A incorporación do voluntario/á o programa, farase sempre en virtude da solicitude do interesado/a. Para iso, facilitaráselle unha ficha que recolla os datos de identificación, así como outros datos relacionados co perfil persoal, cos intereses e preferencias sobre a actividade que quere iniciar, os coñecementos e a formación necesaria e a dispoñibilidade horaria.
Unha vez solicitada a incorporación ao Programa, os datos incorporaranse á base de datos con información pormenorizada de todo o movemento asociativo do municipio, ferramenta fundamental para a incorporación dos voluntarios nos programas e a coordinación das entidades de voluntariado existentes.
Cando se alcance un número mínimo de novos voluntarios (entre 10 e 15), convocarase aos interesados ao curso de formación básica en voluntariado, deseñado para facilitar a adquisición dos seguintes coñecementos:
- Conceptos elementais sobre a acción voluntaria e a intervención social.
- Información da estrutura do movemento voluntario na Baña.
- Recursos e programas de voluntariado existentes.
Unha vez realizado este curso, a persoa voluntaria recibirá un carné de voluntario que acredite a súa condición.
Desde a área municipal encargada da coordinación do voluntariado, en colaboración coa entidade ou entidades de referencia, farase a valoración oportuna para asignar á persoa voluntaria a un proxecto concreto ou a unha entidade de voluntariado, axustando o perfil do/do voluntario/á as demandas existentes.
As persoas voluntarias poderán incorporarse a diferentes proxectos realizados por entidades de voluntariado do municipio:
- Proxectos de entidades sociais que son subvencionados, financiados, polo Concello, coas que se traballase durante toda a duración do proxecto.
- Proxectos executados por entidades de voluntariado coas que non colabora o Concello. Ante unha demanda de voluntarios/as, coñecerase o proxecto para o que se solicitan e se procede, establecerase coa entidade un acordo de colaboración que regule a incorporación da mesma no Plan municipal de voluntariado, que implicará a adecuada selección dos perfís requiridos e a atención convida en cada momento coas entidades solicitantes.
As persoas voluntarias poderán así mesmo formar parte de calquera outras iniciativas específicas de voluntariado que, conforme á normativa vixente e no marco das súas competencias, poida impulsar ou desenvolver directamente o Concello.
Desde a área municipal encargada da coordinación do voluntariado colaborarase coas entidades para facilitar a formalización do compromiso de voluntariado entre a persoa voluntaria e a entidade, no cal se determinarán, entre outros aspectos, as funcións e tempo de duración da acción de voluntariado.
Mecanismos de control
A área municipal encargada da coordinación do voluntariado, en coordinación co técnico ou responsable que corresponda e a entidade de voluntariado, levará a termo o seguimento da persoa voluntaria durante todo o proceso ata que cese a actividade, así como a avaliación da acción voluntaria.
Coordinación do Plan
Dado que o Plan municipal de voluntariado é o referente para a coordinación da acción voluntaria no noso municipio, toda actuación que se realice debe estar consensuada e recollida na programación anual do Plan.
Desde a área municipal encargada da coordinación do voluntariado estableceranse reunións de coordinación con técnicos municipais, Concellarías do Concello e con responsables doutras entidades e axentes sociais con competencias en materia de voluntariado, para:
- Planificar as actuacións que anualmente han de dar contido a cada un dos eixos previstos no Plan municipal de voluntariado.
- Establecer as tarefas e competencias de cada unha das partes implicadas, para cada unha das actuacións planificadas.
- Levar a cabo a avaliación do Plan.
Organismos e entidades implicados no Plan municipal de voluntariado
Atendendo á vocación eminentemente integradora do Plan, identifícanse como organismos e entidades potencialmente implicados no seu desenvolvemento as seguintes:
- Concello da Baña.
- Asociacións, entidades e colectivos presentes no municipio: deportivas, culturais, educativas, sociais, artísticas, ambientais, de lecer e tempo libre.
A relación anterior non posúe carácter exhaustivo, polo que poderá ser ampliada, reducida ou modificada en función da propia dinámica de implantación do Plan.
3ª FASE.- Avaliación do Plan
O Plan municipal de voluntariado, como se indicou con anterioridade, é o marco de referencia para o deseño de calquera actuación que se realice neste sector. Por tanto a avaliación deste Plan debe ser continua e suporá segundo se vaia desenvolvendo, a modificación e reestruturación dos obxectivos e medidas que contempla.
Froito das conclusións que se vaian obtendo, os órganos responsables do seu seguimento poderán reorientar as medidas contempladas nel, para o mellor cumprimento dos obxectivos que persegue.
A avaliación tratará de medir as percepcións e valoracións de todos os axentes implicados no voluntariado.
A pesar da dificultade de avaliar algunhas das accións que contempla o Plan, trataranse de medir os resultados obtidos para case a maioría das accións propostas, á vez que permitirá coñecer en cada momento o grao de cumprimento de cada un dos obxectivos do Programa.
A avaliación proporcionará así mesmo información sobre o impacto social do Programa Municipal de Voluntariado da Baña, co fin de mellorar de maneira continua o propio Programa e modular as accións estratéxicas que contempla.