• O público poderá aprender a facer filloas á pedra e de Muimenta o sábado pola tarde //

  • Darán o pregón o domingo mozas e mozos bañenses nados no ano 2004 //

  • Gaitas e pandeiretas, unha charanga, a orquestra Olympus ou un DJ encherán de música o pavillón de San Vicenzo toda a fin de semana //

Logo dun parón de dous anos por causa da pandemia, a Festa da Filloa da Baña volverá a celebrarse esta fin de semana e chegará á súa maioría de idade presentando un programa lúdico e gastronómico que ofrecerá a todas as persoas que se acheguen ao polideportivo de San Vicenzo a posibilidade de gozar de diversas actuacións musicais, ademais de degustar e de poder aprender a facer as famosas filloas da pedra.

A XVIII Festa da Filloa da Pedra abrirá ás súas portas o sábado ás catro da tarde no pavillón municipal de San Vicenzo. Xa desde esa hora, todos os asistentes terán a oportunidade de sumarse á Escola Filloeira para aprender a facer tanto filloas da pedra da Baña como filloas de Muimenta. Esta actividade, que conta coa colaboración do GDR Terras de Compostela, incluirá tamén a elaboración de tres platos distintos con filloas a cargo do cociñeiro José Manuel Mallón.

A música sumarase á experiencia gastronómica dende as cinco da tarde coa Foliada Filloeira, que encherá o pavillón do son de gaitas e pandeiretas, antes de lle dar paso ao dúo Matices a partir das 19.30 horas.

A celebración continuará o domingo durante todo o día e ata ben entrada a noite. As pedras comezarán a quentarse ás 10.00 da mañá para que o público poida degustar filloas soas ou con outros ingredientes salgados e doces, como lacón e grelos, chourizos, orella, chocolate, mel ou marmelada. Como en edicións anteriores, os comensais terán que comprar tickets para dirixirse logo ao mostrador a pedir o que lles apeteza.

Os gaiteiros da Baña iniciarán as actuacións musicais ao mediodía. Será logo, ás 13.00 horas, a quenda do pregón, que nesta ocasión lerán mozas e mozos bañenses nados, como a propia Festa da Filloa, no ano 2004. A animación volverá ás 15.30 horas coa charanga Os Atrevidos e os máis peques da casa poderán gozar do espectáculo musical de Pakolas ás 17.00 horas. A orquestra Olympus, dende as 18.00 horas, e o DJSonic, entre as nove e as once da noite, encargaranse do fin de festa.

Filloa PEdra programa 2 dias