- Volve o feirón e a romería da Re-Volta e a Festa dos Maiores
- Haberá obradoiros de arranxos florais en Corneira, Lañas, Troitosende e San Vicenzo
- O Concello organiza unha saída a Santiago para asistir á representación da obra ‘Recortes’, do Centro Dramático Galego
- Todos os mércores pola tarde haberá no CPI San Vicente actividades para nenos e nenas de Primaria seguindo a metodoloxía Montessori
O mes de outubro ven cargadiño de propostas teatrais, gastronómicas, de narración oral, cine e obradoiros para a veciñanza da Baña. Todas elas enmárcanse no programa do Outono Cultural deseñado polo Concello para este último trimestre do ano. Regresan con forza ao municipio citas tan esperadas como o Feirón e romería da Re-Volta!, o magosto ou a Festa dos Maiores. Pero tamén saídas culturais, que neste mes de outubro levarán á veciñanza da Baña que así o desexe ata Compostela para asistir ao teatro.
No eido formativo, o Outono Cultural propón para este mes un obradoiro de Arranxos florais de outono que se impartirá ao longo dunha soa xornada, en horario de 16.00 a 19.00 horas, en distintos puntos do municipio. O primeiro dos catro obradoiros previstos terá lugar mañá, 5 de outubro, no local social de Corneira. O mércores 19 de outubro desenvolverase no local social de Lañas. O sábado 22 está programado no local social de Troitosende e, finalmente, o mércores 26 desenvolverase no local social de San Vicenzo.
O programa do Outono Cultural para este mes de outubro contempla dúas sesións de narración oral. A primeira terá lugar o venres 14, ás 19.15 horas, no auditorio municipal. Trátase de De cea cos defuntiños, con Iseo a Moura. Raquel Queizás collerá o testemuño, o martes, 18 de outubro, con Nano vai a escola. A actuación desenvolverase no Punto de Atención á Infancia, ás 10.00 horas.
Ao longo deste mes de outubro, a Baña terá tres citas importantes co mundo das tradicións, a gastronomía, a cultura e o ocio. O domingo 9 de maio, a carballeira de Ceilán volve aos anos 50, cunha nova edición do Feirón e romaría da Re-Volta. Ademais do mercadiño, haberá diversas espectáculos e actuacións musicais. As 12.00 horas a cativada poderá gozar cos Xogos do Paporrubio. Despois da sobremesa, ás 16.00 horas, sería o turno das Regueifeiras de Galicia, e ás 17.30 horas comezarán os contos ilustrados Polo correo do vento.
O sábado, 15 de outubro, tócalle desfrutar ás persoas maiores da Baña. O Concello programou para ese día a Festa dos Maiores, con xantar popular no polideportivo municipal.
Gastronomía e cultura daranse a man o sábado 29, nas Escolas Vellas co magosto e O Quitamedos, a partir das seis da tarde.
No apartado cinematográfico, o auditorio municipal acollerá o día 28, ás 21.00 horas, o pase da longametraxe Malencolía, de Alfonso Zarauza, para maiores de 12 anos.
Todas as actividades son gratuítas, agás a saída prevista para o mércores 19 de outubro en autobús, ao Salón Teatro de Santiago para asistir á representación da obra Recortes, do Centro Dramático Galego. As persoas interesadas deberán aboar 6 euros.
Ademais, para facilitar a conciliación, todos os mércores, ata o 21 de decembro, o Concello da Baña pon en marcha unha nova iniciativa municipal para facilitar a conciliación. Trátase dunha serie de actividades que seguen a metodoloxía Montessori, dirixidas a nenos e nenas de Primaria. Este programa desenvolverase no CPI San Vicente, de 15.30 a 17.30 horas.
O programa do Outono Cultural continuará ao longo dos meses de novembro e decembro.