-
O certame gastronómico ABaña Tapas 2022 está aberto a todos os locais de hostalaría do municipio e celebrarase durante as tres primeiras fins de semana de novembro
-
O Concello establece dous premios, de 450 € e 250 €, respectivamente, para as dúas mellores propostas culinarias
-
O locais que desexen participar deberán rexistrar a súa inscrición antes do 3 de novembro
-
O público terá a súa disposición un Pasaporte de tapas e quen o complete participará no sorteo dunha noite nunha casa de turismo rural da Baña
O Concello da Baña, a través da Concellería de Cultura, organiza o primeiro concurso ABaña Tapas 2022 ao obxecto de promocionar a hostalaría local, incentivar a cultura gastronómica do municipio e o fomento dos produtos autóctonos de tempada e de proximidade. O concurso culinario desenvolverase durante as tres primeiras fins de semana de novembro en todos os locais adheridos, conformando deste xeito unha ruta de tapas. Haberá dous premios para as mellores tapas: un primeiro dotado de 450 euros, e un segundo de 250 euros.
Todas aquelas persoas que teñan completado e selado o seu Pasaporte de tapas entrarán no sorteo dunha noite nunha das casas rurais do municipio. Cómpre subliñar que a elección das tapas gañadoras farase mediante a ponderación da valoración do xurado profesional (55%) e a puntuación media obtida dos votos do público (45%).
O concurso, que busca fomentar o turismo a través das tapas, está aberto a todos os locais de hostalaría do municipio. Os hostaleiros e as hostaleiras interesados en participar deberán rexistrarse antes do 3 de novembro, entregando o formulario de inscrición proporcionado a cada un dos locais e que se pode obter tamén na páxina web municipal (neste enlace).
Para poder celebrar o concurso será imprescindible que haxa un mínimo 5 locais inscritos, polo que o Concello da Baña anima a todo o sector hostaleiro do municipio a participar no certame culinario ABaña Tapas 2022.
Segundo as bases do concurso, cada local hostaleiro poderá presentar un máximo de dúas tapas, podendo aumentar a tres no caso de ofrecer unha tapa sen glute, vexetariana ou vegana. As tapas deben incluír na súa elaboración produtos galegos de calidade e de tempada (cogomelos, castañas, fariña de millo, cabazas, figos, acelgas, marmelo...). As propostas culinarias que se presenten ao concurso deberán figurar na oferta habitual do local nos horarios previamente consensuados coa organización.
En cada establecemento só se poderán votar as tapas consumidas nel e, en ningún caso, as tapas doutro local. E, cada comensal, emitirá un único voto por tapa consumida.
Poñerase a disposición do público un Pasaporte de tapas, que deberá ser selado nos locais participantes unha vez consumida a tapa e emitido o voto. Todas aquelas persoas que completen o pasaporte participarán no sorteo dunha noite nunha casa de turismo rural do municipio. En concreto, serán dúas as persoas gañadoras deste sorteo, que poderán desfrutar dunha estadía dunha noite ben na casa rural O Folgo, en Ordoeste, ou ben na Carballeira do Tambre, en Troitosende.
Dous xurados
O concurso gastronómico ABaña Tapas 2022 constará dun tribunal formado por dúas categorías: por unha banda, un xurado profesional e pola outra, o público (usuarios e usuarias dos locais de hostalaría). A elección da mellores tapas será a resultante da ponderación da valoración do xurado profesional (nun 55%) e a puntuación media obtida dos votos do público (45%); sendo a tapa que máis puntuación acade a gañadora do certame. En caso de empate, gañarán aqueles pinchos que teñan maior número de votos populares absolutos.
O xurado profesional estará composto por persoas do ámbito da hostalería, do turismo, do xornalismo gastronómico e entidades relacionadas coa promoción gastronómica. Cada un dos integrantes puntuará individualmente as tapas en función dos criterios de valoración recollido nas bases do concurso (presentación, sabor e aroma, técnica empregada e temperatura do servizo), sendo a máxima puntuación 5 e a menor 1. A puntuación final de cada tapa será a media aritmética da suma das distintas puntuacións outorgadas polos membros do xurado.
O Concello da Baña subliña que a entrega dos premios celebrarase a finais do mes de novembro.
As persoas interesas poden consultar as bases na páxina web do Concello ou premer nesta ligazón.