-
As tres reciben un lote de libros como premio do concurso organizado pola Concellería de Cultura
-
As súas fotos formarán parte do calendario 2023 do Concello da Baña xunto con outras nove seleccionadas polo xurado entre as 22 que participaron no concurso
-
As imaxes poderanse ver esta semana na casa da cultura
Tres mulleres foron as gañadoras do concurso de fotografía ‘Elas no outono’ que organizou a Concellería de Cultura da Baña para reivindicar o papel da muller e ofrecer unha visión diferente da figura feminina durante o outono.
As tres gañadores foron Erica Blanco Rey, na categoría de persoa adultas, coa súa obra Aire puro, sacada na planta da antiga minicentral. Na categoría de 12 a 17 anos o premio foi para a única imaxe presentada, Carballeira de Vilacoba con vistas a agra e o río Tambre, de Antía Iglesias Güimil. Contrastes e o título da imaxe presentada por Iria Paredes Blanco na categoría de 6 a 11 anos. A foto foi sacada en Vilar de Cima, na parroquia de Corneira.
Estas tres imaxes formarán parte do calendario 2023 do Concello da Baña, xunto a outras nove que participaron no concurso e que foron seleccionadas polo xurado, que estivo composto pola concelleira de Cultura, Lorena Trillo, o fotógrafo bañense Javier Iglesias, e o director da axencia de comunicación Alicentis, Juan Martínez. O tribunal destacou o número de fotografías presentado ao certame, un total de 22 imaxes, e a variedade temática abordada nas mesmas. “É un primeiro paso para por en valor ás mulleres da Baña e todo o bo que temos que ofrecer no noso concello”, dixo Lorena Trillo.
As fotografías presentadas a esta primeira edición do concurso pódense ver na casa da cultura durante a vindeira semana.
As tres gañadoras recibirán como premio un lote de libros acorde a súa idade. Lorena Trillo e Javier Iglesias xa lle entregaron hoxe o agasallo a nai de Antía Iglesias despois da conferencia do fotógrafo bañense na casa da cultura.