-
Máis dunha vintena de municipios de Galicia e Portugal comprométense a preservar o patrimonio cultural e natural da ruta e dalo a coñecer //
-
A Baña estivo representada no encontro polo tenente de alcalde, César Ramos //
Representantes dunha vintena de municipios galegos e portugueses, entre os que se encontraba o tenente de alcalde bañense César Ramos, asinaron esta mañá en Melgaço un acordo de colaboración coa Asociación Vía Mariana Luso Galaica para promocionar e velar por esta ruta de peregrinación que, ao longo de máis de 400 quilómetros, une os antigos santuarios de devoción mariana entre as localidades de Braga e Muxía.
O acordo asinado hoxe recolle o compromiso por parte de institucións e concellos por preservar o patrimonio cultural e natural da Vía Mariana, ademais de dalo a coñecer e de coidar do seu perfecto estado. En concreto, fíxanse “a promoción e divulgación da vía con todos os seus valores ante todas as instancias posibles”; favorecer a “acollida do peregrino” con instalacións municipais, parroquiais, veciñais ou privadas; “respectar e facer respectar o patrimonio material e inmaterial” vinculado ao itinerario; e contribuír ao “mantemento físico e a sinalización da ruta” coa fin de facilitar o tránsito seguro dos camiñantes. Un dos grandes obxectivos da Asociación Vía Mariana Luso Galaica é o recoñecemento desta ruta de peregrinaxe como Itinerario Cultural Europeo.