-
Actuarán tamén Axio Moura, Mekanika Rolling Band e grupos da Escola de Música e de pandereteiras e gaiteiros bañenses //
-
O actor Víctor Fábregas encargarse da lectura do pregón //
-
O programa inclúe ademais xogos populares e un espectáculo de lume //
A Baña viaxará no tempo uns cantos séculos atrás para volver á época prerromana o sábado 13 de maio, día no que celebrará no Castro a segunda edición da Festa Castrexa cun programa no que haberá moita música, xogos, espectáculo de lume e un concurso de clans no que poderán participar todos aqueles grupos que se disfracen en consonancia coa temática. O actor Víctor Fábregas, que formou parte do popular dúo Os Tonechos e percorre Galicia no programa de viaxes da TVG Sen Código Postal, será o encargado do pregón.
A II Festa Castrexa da Baña comezará pasado o mediodía coa actuación dos gaiteiros Axio Mouro, que prepararán o ambiente para a lectura do pregón. Despois da intervención de Víctor Fábregas, a música volverá ao lugar do Castro coa sesión vermú e o grupo Malvela.
Os integrantes da Escola Municipal de Música abrirán o programa vespertino, no que figuran o concurso de clans, a batalla castrexo-romana e os xogos populares, ademais das actuacións das pandereteiras e dos gaiteiros da Baña.
Un dos pratos fortes da xornada chegará xa á noitiña co concerto da cantautora de folk Sés. Despois, as persoas asistentes poderán gozar de A lenda das meigas, un espectáculo que ten como gran protagonista o lume e no que se misturan técnicas de danza con malabarismos e humor. Dende a medianoite, o desenfadado repertorio da charanga Mekanika Rolling Band despedirá a celebración para deixar un gran sabor de boca.
Concurso de clans
O concurso de clans está aberto a todas aquelas persoas que acudan á festa vestidas á moda castrexa e porten un estandarte en representación do seu clan. Para participar, deberán cubrir o formulario de inscrición e presentalo telematicamente na sede electrónica do Concello da Baña ou no Rexistro Xeral. A data límite é o luns 8 de maio.
Haberá tres premios para o clan mellor caracterizado (cun mesmo motivo e elaboración artesanal), para o que presente o mellor vehículo móbil (relacionado coa época, como un tear de liño, unha palloza, un carro, un útil de metalurxia...) e para a mellor teatralización (valorarase a representación dalgunha escena da cultura castrexa). Un mesmo grupo pode participar en varias categorías e os menores deberán achegar unha autorización asinada por un titor.
As bases do concurso, o formulario de inscrición e a autorización para menores están dispoñibles nos arquivos adxuntos.