• Os primeiros asistentes á XVIII Festa da Filloa da Baña tiveron a oportunidade de aprender a facer filloas da pedra e de Muimenta na Escola Filloeira //

  • A animación musical correu a cargo da Foliada Filloeira e do dúo Matices //

  • O pavillón de San Vicenzo abre este domingo ás dez da mañá para acoller un completo programa gastronómico e de lecer ata ben entrada a noite //

Ao redor de dous mil litros de amoado feito con auga, fariña do pais, ovos e sal; 34 pedras; e máis dunha ducia de voluntarias da Asociación Filloas da Pedra abriron esta tarde no polideportivo de San Vicenzo a 18ª edición da Festa da Filloa da Pedra da Baña coa idea de recibir esta fin de semana milleiros de visitantes para seguir dando a coñecer un produto e unha tradición que levan pasando de xeración en xeración dende hai séculos.

20220326 festa filloa OK2 web

Como novidade desta edición, as primeiras persoas que se achegaron hoxe ao pavillón bañense tiveron a oportunidade de participar na Escola Filloeira. O cociñeiro José Manuel Mallón elaborou varias propostas á vista do público para demostrar que as filloas son unha gran base tanto para platos salgados como doces. Tamén filloeiras da localidade luguesa de Muimenta, coas súas planchas de ferro, compartiron cos asistentes cales son os seus segredos para facer filloas.

A animación da festa púxoa primeiro a Foliada Filloira, sumando á celebración gastronómica as actuacións dos gaiteiros e pandereteiras da Escola de Música Tradicional da Baña. Despois, foi o dúo Matices quen convidou a bailar ao público congregado no pavillón.

20220326 festa filloa OK7 web

Mañá, domingo, continuará a festa ao longo de todo o día e ata ben entrada a noite. Mozas e mozos da Baña nados no ano 2004, como a Festa da Filloa, serán os encargados de dar o pregón. Ademais, no pavillón, que abrirá ás súas portas ás 10.00 da mañá, todos os asistentes poderán gozar da música dos Gaiteiros da Baña (12.00 horas), a charanga Os Atrevidos (15.30 horas), a orquestra Olympus (18.00 horas) e o DjSonic (21.00 horas). Para nenas e nenos está programado o espectáculo musical infantil de Pakolas ás 17.00 horas.

José Manuel Mallón estará á fronte da food truck na que se cociñan os ingredientes cos que a Festa da Filloa convida cada ano a acompañar o manxar bañense, tales como lacón e grelos, chourizo ou orella. Para os máis lambóns, ou como sobremesa, ofértanse ademais chocolate, mel ou marmelada. E, como xa vén sendo habitual, unhas carpas pola parte de atrás do polideportivo ofrecerán polbo e churrasco. Todas as persoas que se acheguen ata a Baña atoparán tamén postos postos de venda de artesanía, churros ou rosquillas, ademais dalgunha atracción de feira para a xente miúda.