• As colas para facerse co manxar da Baña sucedéronse dende o mediodía //

  • Mozas e mozos nacidos no ano 2004 animaron a preservar a elaboración na lectura do pregón //

  • A conselleira Rosa Quintana e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, amosaron a súa maña co amoado e a pedra //

Con colas dende o mediodía e máis de 18.000 filloas repartidas, a XVIII Festa da Filloa da Pedra da Baña marcou nesta volta trala pandemia récord de visitantes e de degustacións ata o punto de que as 34 pedras que funcionaron a pleno rendemento no pavillón de San Vicenzo non deron abasto nalgúns momentos deste domingo para atender todas as peticións. O bo tempo apoiou o éxito da celebración, que contou con pregón de mozas e mozos bañenses nacidos no ano 2004 e que recibiu a visita da conselleira do Mar, Rosa Quintana, e do delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor.

20220327 festa filloa publico2 web

Trala Escola Filloeira na que os primeiros asistentes á feira puideron aprender a facer filloas tanto da pedra como de Muimenta, sobre planchas de ferro, onte tocoulle a quenda á conselleira Rosa Quintana ou a Gonzalo Trenor de amosar o seu bo facer ante a pedra. Tamén se atreveron o alcalde, Andrés García Cardeso, ou os concelleiros de Vida Activa, César Ramos, e de Cultura, Lorena Trillo, ademais doutros membros da corporación municipal bañense como José Antonio Pereira ou Mónica González. Non quixeron perder tampouco a exaltación a alcaldesa de Santa Comba, María Pose, e representou ao Concello de Negreira o edil Rubén Suárez.

20220327 festa filloa quintana alcalde trenor web

As mozas e mozos bañenses Noel, Andrea, Laura, Lucía, Diego, Alba, Héctor, Antón, Sarai, Adrián e Natalia encargáronse do pregón. Naceron, como a Festa da Filloa, no ano 2004 e festexaron esta mañá a súa maioría de idade reivindicando a boa saúde dunha tradicion que hai quen asegura que vén do mundo celta, ademais de dar a coñecer outros atractivos polos que paga a pena achegarse á Baña como o miradoiro de Santa Mariña, o muíño de Nantón ou a Ruta literaria ‘As rapazas de Xan’.

20230327 festa filloa alcalde mocidade pregon web

Hoxe, as actividades lúdicas que acompañan á exaltación gastronómica congregaron público de todas as idades a partir do mediodía. Abriu a xornada a intervención dos Gaiteiros da Baña e seguiuna a primeira hora da tarde a charanga Os Atrevidos, que non dubidou en entrar na carpa da pulpería para gozo dos comensais. O espectáculo de Pakolas fixo desfrutar logo á xente miúda, antes de que a orquestra Olympus puxese a bailar ao numeroso público que se congregou no pavillón. O peche da xornada correrá a cargo do DJSonic cunha actuación destinada á mocidade.

20220327 gaiteros da baña web

A xornada de sol contribuíu así mesmo a que moitas persoas se achegasen a San Vicenzo. As colas para facerse coas ricas filloas da pedra sucedéronse dende media mañá ata esgotar os dous mil litros de amoado preparados polas voluntarias da Asociación de Filloas da Pedra e tivo tamén unha grande aceptación a food truck, onde se elaboraban os ingredientes cos que se podían acompañar as preparacións salgadas, como lacón con grelos, chourizo ou orella, ou solicitalas como plato doce mezcladas con chocolate, mel ou marmelada.