• Denuncian a desestimación por silencio administrativo dun recurso de alzada presentado en xuño de 2023 e piden medidas cautelares

Os concellos da Baña e Val do Dubra interpuxeron este martes, 19 de decembro, un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia referido ao parque eólico de Vilartoxo, promovido por Green Capital Power S.L. e que afecta aos dous municipios.

Ambos os concellos rexeitan a desestimación por silencio administrativo do recurso de alzada interposto o 28 de xuño de 2023 fronte á resolución de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, que outorgaba a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ao proxecto do parque eólico de Vilartoxo.

Así mesmo, solicítanlle ao TSXG que adopte como medida cautelar a suspensión inmediata da resolución do 12 de abril de 2023 que autoriza a construción do parque, co obxectivo de protexer os intereses da veciñanza afectada.

Na mesma liña, o Concello da Baña interpuxo ante o TSXG un recurso contencioso-administrativo referido ao parque eólico de Troitomil, o pasado 15 de decembro, no que tamén denuncia a desestimación por silencio administrativo dun recurso de alzada previo e pide medidas cautelares ca fin de paralizar a construción do parque eólico.