• O certame ABaña Tapas celebrarase ao longo destas tres primeiras fines de semana de novembro //

  • O público terá a súa disposición nos establecementos as tarxetas para votar e o Pasaporte de tapas //

  • O Concello establece dous premios de 450 € e 250 €, respectivamente, para as dúas mellores propostas culinarias //

 Hoxe arrinca na Baña o primeiro concurso de tapas ABaña Tapas e a ruta gastronómica organizado polo Concello ao obxecto de promocionar a hostalaría local, incentivar a gastronomía do municipio e o fomento dos produtos autóctonos de tempada e de proximidade. En total son cinco os establecementos hostaleiros que participan na proposta gastronómica que se desenvolverá ao longo destas tres primeiras fins de semana de novembro (4-5-6; 11-12-13 e 18-19 e 20 de novembro).

Os locais participantes son Taberna do Barro (O Barro), no que se poderán degustar as súas tapas de 12.30 a 15.00 horas e de 19.30 a 22.00 horas; e Casa Morena, en horario de 20.00 a 22.00 horas. Estes dous locais participan as tres fins de semana. Parrillada O Barro (Barro) participará só os domingos días 13 e 20 de novembro, en horario de 12.00 a 14.00 horas. O Arranca de Ordoeste o fará só os venres e os sábados, de 12.00 a 16.00 horas. E, finalmente, O Muiño (San Vicenzo) participará no concurso de tapas só a última fin de semana, a do 18 ao 20 de novembro e en horario de 12.00 a 15.00 horas e de 19.00 a 22.00 horas.

O Concello establece dous premios, un primeiro de 450 € e un segundo de 250 € para as dúas mellores tapas. As tapas gañadoras sairán do voto ponderado do tribunal profesional e do público (usuarios dos locais de hostalaría).

Cada local poderá presentar ao certame gastronómico un máximo de dúas tapas, podendo aumentar a tres no caso de ofrecer unha tapa sen glute, vexetariana ou vegana.

En cada establecemento, cada persoa só poderá votar as tapas consumidas nel e, en ningún caso, tapas doutro local. Será un único voto por tapa consumida.

O público terá a súa disposición nos locais hostaleiros participantes as tarxetas para votar e tamén se lle facilitará o Pasaporte de tapas. Todas aquelas persoas que completen o pasaporte poderán participar no sorteo dunha noite de aloxamento para dúas persoas na casa rural A Carballeira do Tambre (Troitosende) e no sorte doutra noite para dúas persoas na casa rural O Folgo, de Ordoeste.