• A Corporación aproba tamén un convenio de colaboración con Negreira para a contratación de persoal de orientación laboral

  • O alcalde, José Antonio Pereira, subliña que “a alianza entre concellos é fundamental para impulsar proxectos de interese común”

  • O Pleno comeza cun minuto de silencio en repulsa polo asasinato machista dunha moza de Ribeira

  • Os tres grupos políticos consensúan unha declaración institucional polo Día da Muller

 

O Concello da Baña solicitará xunto con outros catro municipios a subvención do Instituto Enerxético de Galicia para contratar unha asistencia técnica na licitación do alumeado público. No pleno ordinario celebrado este mércores 20 de marzo, que comezou cun minuto de silencio en memoria da moza de Ribeira Andrea Yturry e como repulsa deste asasinato machista, tamén se aprobou a declaración institucional do Día da Muller e déuselle luz verde ao convenio con Negreira para a contratación de persoal de orientación laboral.

Os membros da Corporación bañense aprobaron por unanimidade a adhesión ao convenio de colaboración para tramitar de forma conxunta unha solicitude de axuda para a planificación enerxética de entidades locais. Este acordo implica unha colaboración estreita entre os municipios da Baña, Negreira, Val do Dubra, Brión e Paderne e ten como obxectivo facilitar a contratación dos servizos xurídicos e técnicos para mellorar a planificación enerxética e a contratación das subministracións así como promover o aforro enerxético. O alcalde, José Antonio Pereira, destacou a importancia da colaboración interinstitucional para obter recursos e financiamento, subliñando que “esta alianza entre concellos é fundamental para impulsar proxectos de interese común”.

Na sesión de onte tamén se aprobou o convenio de colaboración entre os concellos de Negreira e A Baña para a contratación de persoal técnico de orientación laboral, co obxectivo de promover a inserción laboral e a orientación profesional na comarca. Este convenio permitirá que a persoa contratada preste servizo un día á semana na Baña, o que “redundará na calidade dos servizos ofrecidos á veciñanza, evitando desprazamentos a Negreira”, incidiu José Antonio Pereira.

O convenio implica a solicitude dunha subvención á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, cun montante de 28.000 €, que representa o 71% do custo total do servizo. Dos 11.441 € restantes, o Concello de Negreira contribuirá cun 80% da achega, mentres que o Concello da Baña contribuirá co 20% restante, que supón 2.288 €.

Ademais, aprobouse unha declaración institucional polo Día Internacional da Muller, 8 de marzo, que foi consensuada polos tres grupos políticos e lida no pleno polo concelleiro Alberto Blanco. A declaración destaca o compromiso do Concello en promover a igualdade de xénero, loitar contra a violencia e crear unha sociedade máis inclusiva. Entre os compromisos asumidos resalta a promoción de plans de conciliación, modelos alternativos de coidados e a inserción laboral das mulleres no tecido económico local. Tamén incrementar a colaboración coas asociacións de mulleres do municipio para promocionar a igualdade en todos os ámbitos e promover a adhesión dos negocios locais ao Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas.

A moción presentada polo Partido Popular sobre a normativa dos galiñeiros de autoconsumo foi aprobada cos votos a favor dos 5 edís do PP e a abstención de PSdeG e BNG. A moción insta ao Goberno a modificar o decreto que establece as normas básicas de ordenación das granxas avícolas, co obxectivo de suprimir a obrigatoriedade de rexistro das explotacións avícolas para autoconsumo. O PSdeG abstívose por considerar que está "fóra de tempo". A este respecto, José Antonio Pereira aclarou que "dende o Concello estamos colaborando cos veciños para axudarlles a facer ese trámite de inscrición no rexistro de explotacións ". Mónica González (BNG) tamén se abstivo argumentando que "chega tarde", ao tempo que recordou que é "unha norma que invade competencias galegas e non se axusta á nosa realidade ".

A moción do PP sobre o apoio ao sector gandeiro foi aprobada por unanimidade. Na mesma, denúnciase o aumento da carga burocrática para o sector e esíxese unha moratoria da normativa europea.

Na parte de rogos e preguntas tratáronse diversos temas de interese para a veciñanza, como os labores de mantemento e limpeza de camiños e zonas do concello, así como a axilización dos trámites de dependencia en Servizos Sociais.

20240320 Pleno ordinario planificacion enerxetica 01 interior