• As protagonistas recibiron unha vela artesá, unha fotografía do día da gravación do vídeo e un punto de libro

  • A proxeción do corto ‘As 3 caídas de María Santiso’ servíu para por en común a situación que viven as mulleres no campo

  • Asistiron o director Roberto Alvite; a protagonista Lucía Veiga e a actriz Tatiana Mouro participaron no coloquio

20220313 Bana feminino homenaxeadas ALF5982

A proxección do corto ‘As 3 caídas de María Santiso’, premio do público a mellor película na Semana do Cine de Lugo 2019, servíu de fío condutor para a homenaxe que o Concello da Baña lle rendeu hoxe as doce protagonistas da seria A Baña en feminino, que durante todo o 2021 contaron cal é a situación da muller no rural.

O obxectivo do proxecto era visibilizar á muller do rural e coñecer a opinión das once protagonistas e dun protagonista masculino sobre como evolucionou a súa vida no rural. Para pechar o ciclo, hoxe proxectouse o corto dirixido por Roberto Leal, protagonizado por unha muller de 40 anos que vive soa no rural na súa casa de toda a vida. A visita dun camiñante descobre os conflitos interiores de María Santiso (interpretada por Lucía Veiga).

20220313 Bana feminino proxeccion ALF5962

Despois proxectouse un documental sobre como foi a gravación da película e para coñecer a opinión das e dos integrantes do equipo. No debate posterior entre protagonistas,  actrices e público, moderado por Roberto Alvite, quedou patente que “os mundos mudaron, e é importante arriscar e tomar decisións para facer aquilo que che guste”. Tamén se resaltou a importancia de traballar conxuntamente, “sobre todo entre as mulleres. Hai que xuntarse, e ser decidida”.

“Cada vez hai máis soedade no rural, non só porque hai menos xente, senón porque temos sempre moita presa e non nos da tempo a falar cos veciños e veciñas”, indicou unha das participantes no debate.

Ao rematar o coloquio, o Concello entregoulle a cada unha das protagonistas de A Baña en femininopresentes no acto unha vela artesá, elaborada por Máis Cera; unha fotografía de recordo do día que se gravou o vídeo, e un marcapáxinas que recolle un poema de Manuel María. 

Neste punto de libro pódese ler: Mulleres que “teñen dediante da súa ollada / eidos sen labrar, / ermos, incultos, / e son elas as que empuñan / a rabela / como quen ergue unha bandeira / para obrigra a terra, / o escuro terrón endurecido, / a parir o pan de cada día”.

Este coloquio, co que se pechan os actos con motivo do Día Internacional da Muller, estivo presidido polo alcalde, Andrés García Cardeso, e a concelleira de Muller e Igualdade, Lorena Trillo, quen dixo que con este acto se pechaba unha iniciativa que puxo en marcha a súa antecesora, Mónica González, hai un ano. Ao acto asistiu o portavoz socialista na Corporación, José Antonio Pereira, e veciños e familiares das protagonistas.

20220313 Bana femininno Director ALF5950

A Baña en feminino

A Baña en feminino  foi iniciativa do concello bañense que, coa publicación dun audiovisual por mes ao longo do ano 2021, tivo como principal obxectivo convidar a reflexionar sobre o papel das mulleres na contorna rural e fomentar a igualdade dándolle voz a persoas do municipio que exercen en diversos eidos. Os vídeos coas doce protagonistas (entre as que se atopa o filloeiro Carlos Sande Manteiga) pódese ver na canle de Youtube do Concello da Baña neste enlace (preme aquí)

Mónica González. A ex concelleira de Política Social pechou o proxecto en decembro. Na súa intervención considerou “prioritario promover a conciliación e concienciar á sociedade do reparto de tarefas domésticas”. 

Mónica Rial. A presidenta da ANPA do CEIP San Vicente instou, no Día do Neno, a fomentar nos colexios todas aquelas actividades en prol da equidade e a educar as fillas e fillos para que loiten por conseguir a máxima igualade de oportunidades posible.

Manuela Tojo. Veciña de Faílde de 89 anos, protagonizou o vídeo de outubro no Día da Muller Rural. Nel repasou unha traxectoria que non foi nada común porque, ao contrario do que adoitaba pasar cando ela era nova, sendo muller desenvolveuse laboralmente fóra da casa, desempeñou un oficio tradicionalmente masculino como era o de ferreira e foi tamén pioneira ao converterse na primeira bañense en sacar o carné de conducir.

Rosa Rodríguez, cantante do Dúo Rosán, radiografou o papel da muller na música no mes de setembro, coincidindo coa celebración das festas patronais de San Vicenzo da Baña. “Agora hai máis mulleres que levan a batuta e seguiremos avanzando”, subliñou, ademais de aconsellar “inculcar o respecto desde ben pequeniños” como fórmula para conseguir a igualdade entre homes e mulleres.

Noelia Castro, graduada en Educación Infantil e monitora de ocio e tempo libre, convidou a reflexionar sobre o cambio de mentalidade necesario para a igualdade. Fíxoo nun vídeo publicado no Día Internacional da Mocidade, no que esta veciña de Lañas de 22 anos salientou a importancia dos campamentos como “espazos idóneos para promover a igualdade desde a primeira infancia”.

Carme Liñares, avoa de cinco netos, protagonizou o vídeo publicado en xullo, con motivo do Día Internacional das Avoas e dos Avós. Esta veciña de Cabanas constataba o difícil que foi “chegar á liberdade de hoxe, porque antes a muller non tiña voto para nada” e convidaba a non dar pasos atrás.

Verónica Liñares, enxeñeira de Montes e veciña de Ordoeste, incidiu no mes de xuño na necesidade de dotar a sociedade de “referentes femininos para que desapareza a fenda de xénero existente nas ciencias e nas enxeñarías”.

A soldadora Nerea Vázquez protagonizou o vídeo que se publicou no Día do Traballo, no que falaba da presión que sentiu cando decidiu estudar para un oficio tradicionalmente masculino ou das dificultades laborais coas que se atopan as mulleres no sector do metal.

Coincidindo co Día do Libro o 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela avogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados. “É un lastre que levamos de sempre, o de coidar primeiro dos nenos e despois dos maiores”, subliñaba a filóloga e escritora de Duomes de Arriba.

Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar.

En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais, ao tempo que censuraba a existencia de “micromachismos que temos tan interiorizados que nin os cuestionamos”.

A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie ‘A Baña en feminino’ o pasado mes de xaneiro, co gallo do Día Internacional da Educación, falando das súas vivencias e dos avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade.

20220313 Bana Feminino debate