• A actividade serviu tamén para homenaxear a todas as nenas e nenos por cumprir coas normas impostas polas autoridades

O Concello da Baña sumouse hoxe á conmemoración do Día da Árbore, celebrado onte, e o Día da Auga, que se celebra hoxe, coa plantación de diferentes tipos de froiteiras no terreo municipal anexo ao CPI San Vicente no que se atopa o horto escolar. O acto, no que participou o alumnado de primeiro, segundo e terceiro de primaria, serviu tamén para homenaxear a todas as nenas e nenos polo seu comportamento exemplar durante a pandemia cumprindo as normas e restricións establecidas polas autoridades.

Plantaron as árbores as familias das crianzas nacidas na Baña dende que o 14 de marzo o Goberno central decretou o estado de alarma e cada froiteira foi bautizada co nome dun destes bebés. De xeito didáctico, colocóuselle un indicador ás árbores para saber a que especie pertencen. 

“Estas árbores froiteiras irán medrando devagar ao igual que estas nenas e nenos e acabarán por dar froitos, simbolizando en certa maneira o feito de ir abandonando pouco a pouco esta situación pandémica para volver á normalidade”, sinalou o tenente de alcalde, César Ramos, no acto ao que asistiron previamente ás familias no colexio.

arbores web

A plantación, organizada polas concellerías de Cultura e Promoción da vida activa e Deporte, estivo dirixida pola técnica agropecuaria Carme Freire, docente no obradoiro de emprego do curso pasado e colaboradora no horto ecolóxico do alumnado do CPI San Vicente.