• O concurso celebrarase o sábado 5 de marzo polas rúas de San Vicenzo

  • O prazo de inscrición para participar remata o 28 de febreiro

entroido1

A Baña celebrará o entroido 2022 cun gran concurso de disfraces que se desenvolverá o sábado 5 de marzo en San Vicenzo e que repartirá máis de 3.300 euros en premios entre os gañadores. As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o 28 de febreiro para formalizar a inscrición, de xeito telemático na sede electrónica do Concello ou presencialmente no Rexistro Xeral. Os menores de idade necesitarán a autorización do titor ou titora.

O desfile de disfraces iniciarase ás 16.30 horas e discorrerá pola rúa Rosalía de Castro, a Praza do Concello e a rúa Tedelle, cunha parada dun máximo de cinco minutos diante da casa consistorial para que os participantes poidan actuar e amosar as súas creacións.

Haberá seis categorías. As de carrozas e comparsas terán tres premios cada unha, valorados en 900€, 400€ e 150€ respectivamente. Para participar como carroza, o grupo terá un mínimo de dez persoas e todas ou unha parte deberán desprazarse sobre algunha plataforma móbil. As comparsas, pola súa parte, terán polo menos nove membros que representen a mesma temática.

Tamén se poderá concursar como grupo, formado por entre 3 e 8 persoas, e neste caso haberá un único premio dotado con 150 euros. Por último, os gañadores do resto das categorías (parella, individual infantil e individual adulto) levarán 100 euros.

O xurado valorará a orixinalidade dos disfraces, a realización artesanal, a maquillaxe, a interacción co público e, no caso das categorías grupais, tamén a organización e o traballo en equipo.

Os premios repartiranse ao remate do desfile nunha carpa onde se poderá gozar da animación dunha discoteca móbil e doutras sorpresas.

Nos arquivos que se achegan atoparás as bases do concurso, o formulario de inscrición e a autorización para a participación de menores.