- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Turismo
- Visto: 1694
O Concello da Baña decidiu suspender a excursión cultural ao País Vasco prevista para a ponte da Constitución por non acadar un grupo mínimo de persoas interesadas en Participar.
a proposta incluía unha viaxe para que a veciñanza puidera visitar Santander, Bilbao, Portugalete e San Sebastián durante a fin de semana do 5 ao 8 de decembro. A excursión cultural tiña un custo de 320 euros e o prazo de inscrición comezou o 4 de novembro.
O prezo da viaxe inclúe pensión completa, comidas en ruta e guía. Os interesados e interesadas en inscribirse deben ser maiores de idade, tendo preferencia as persoas empadroadas na Baña. A celebración da actividade está suxeita á formación de grupo.
A inscrición farase a partir do 4 de novembro na Concellaría de Cultura do Concello da Baña, de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas ou no teléfono 981 886 501.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Turismo
- Visto: 1465
Na mañá de hoxe, 30 de outubro, Mónica González, concelleira de Cultura, e César Ramos, portavoz de CxG, acompañados pola ADL, o técnico de turismo e diferentes operarios do Concello, colocaron a sinalización da Vía Mariana Luso Galaica ao seu paso pola Baña.
O tramo que percorre o municipio dende Ponte Maceira (Negreira), ata Trece (A Baña), por fin conta cos sinais que guiarán a partir de agora aos peregríns que queiran facer a Vía Mariana Luso Galaica, unha ruta de peregrinación de 370 km. entre os santuario do Sameiro, en Braga, e o santuario da Nosa Señora da Barca en Muxía, unindo algúns dos principais santuarios marianos do norte de Portugal e Galicia. Na Baña, a Vía Mariana pasa polos santuarios do Seilán e Ordoeste.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Turismo
- Visto: 1761
Un grupo de 32 persoas, entre as que se atopaban o alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, e o de Val do Dubra, Antonio Negreira, participaron o pasado sábado na I Ruta do Románico que organizaron conxuntamente os concellos da Baña, Negreira e Val do Dubra para poñer en valor as igrexas románicas da zona.
O técnico de Turismo Eutropio Rodríguez foi o encargado de explicar a historia das igrexas de Santa María de Paramos (Val do Dubra), Santa Baia de Lañas (A Baña), Santa María de Portor e San Pedro de Gonte (Negreira), que foron construídas entre finais do século XII e principios do XIII.
A iniciativa espertou o interese dos dous alcaldes, ata o punto de que Antonio Negreira quere repetir a iniciativa cos alumnos da ESO do CPI de Bembibre; e Andrés García Cardeso quere facer o propio cos do centro educativo da Baña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Turismo
- Visto: 2410
No mes de novembro comezou o Obradoiro dual de emprego sobre Promoción turística que organizan os concellos de Negreira, Santa Comba, Val do Dubra e A Baña. Os 8 alumnos e alumnas que participan no taller ‘Xallas-Barcala-Dubra IV’ están recibindo formación teórica e práctica para conseguir o certificado de profesionalidade neste ámbito. Nos 4 meses que levan de curso, as súas actividades prácticas abarcaron dende un programa de radio, ata folletos e carteis para o entroido.
O proxecto ‘Xallas-Barcala-Dubra IV’ está levando a cabo numerosas actividades para promocionar co turismo nos concellos organizadores. Entre elas, un inventario con todos os recursos turísticos da comarca e un banco de fotos, para ter detallado cada recurso e poder explotar ao máximo o seu potencial. O alumnado pon en práctica os seus coñecementos en función das necesidades e solicitudes de concello. Os carteis e folletos do entroido de Val do Dubra e Santa Comba foron feitos por eles mesmos. A cuña publicitaria do carnaval e a programación da Festa da Filloa da Baña tamén foron obra súa.
Por outra banda, os futuros técnicos en turismo prepararon un concurso de receitas para as celebracións do entroido de Negreira. Desde este mesmo municipio retransmiten o seu programa de radio de promoción turística. ‘Viaxa con nós’ emítese todos os mércores ás 13.00 horas a través de Radio Negreira e os contidos están desenvoltos polo alumnado. Pero este non é o único medio de comunicación que dominan. Baixo o mesmo nome, o obradoiro ten perfís en redes sociais como Facebook, Instagram e Twitter. Alí é onde comparten todos os seus traballos, ademais de promocionar o turismo na zona.
Grazas a que cada alumno provén dun ámbito profesional distinto, poñen en común os seus coñecementos cos seus compañeiros. A colaboración e a iniciativa son dúas das características que mellor describen a esta promoción que se graduará o vindeiro mes de xullo. De momento, atoparanse todos os luns de 11.00 a 14.00 horas no renovado punto de información turística de Santa Comba, na Casa do Pozo.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Turismo
- Visto: 1673
Os concellos da Baña, Negreira e Val do Dubra, promoven unha iniciativa conxunta para poñer en valor as construcións románicas destes municipios. A Ruta do Románico, como lle chaman á iniciativa, desenvolverase o vindeiro 15 de setembro e as persoas que desexen participar poderán coñecer un pouco mellor as igrexas de Santa María de Paramos (Val do Dubra), Santa Baia de Lañas (A Baña) e a de Santa María de Portor e San Pedro de Gonte (Negreira).
Eutropio Rodríguez, experto en belas artes, será a persoas encargada de explicar os datos máis curiosos das catro igrexas. Rodríguez está contratado polo Concello de Negreira cunha subvención da Deputación da Coruña como técnico de turismo para os tres municipios.
Esta Ruta do Románico farase en autobús, que recollerá aos participantes no bar Celta de Negreira, ás 10.00 horas, pasando despois por Ceilán (parada do autobús) ás 10.15 horas e pola igrexa de Paramos ás 10.30 da mañá.
Aínda que esta ruta é gratuíta as persoas que desexen participar deberán anotarse antes do xoves 13 de setembro, ás 14.00 horas. Poderano facer chamando a algúns dos seguintes teléfonos:
Concello da Baña: 981 886 777 – 981 886 501
Concello de Negreira: 981 885 886
Concello de Val do Dubra: 981 889 000, extensión 131