O Pleno da Corporación da Baña, en sesión extraordinaria, aprobou esta mañá o expediente de modificación orzamentaria para unha transferencia de crédito, por importe de 69.000 euros, cos votos a favor do equipo de goberno (4) e do Partido Popular (5) e a abstención de Compromiso por Galicia (2). Este diñeiro destinarase a pagar facturas pendentes do Servizo de Axuda no Fogar.

O alcalde, José Antonio Pereira, expuxo que era necesario transferir estes 69.000 euros da concellaría de Deportes (na partida de acondicionamento de edificios públicos, para reparar o tellado do polideportivo de Lañas) para a facer fronte ao pago de facturas correspondentes a gasto en materia de servizos sociais, en concreto para o Servizo de Axuda no Fogar. Dado que a Baña ten prorrogados os presupostos dende 2017, non hai consignación suficiente para asumir estes gastos.

Tanto no relativo a urxencia do pleno, como tras o debate do punto da orde do día, producíronse idénticas votacións, na que PSdeG (4) e PP (5) votaron a favor da transferencia de crédito, e CxG (2) abstívose.

O vídeo íntegro do pleno pódese ver neste enlace (preme aquí)

20201113 Pleno Baña web

 

 

O Pleno da Corporación da Baña celebrou onte, 28 de outubro, de xeito semipresencial, a sesión ordinaria do mes de outubro, que se pode ver na canle de Youtube do Concello da Baña (neste enlace) e na que se trataron os seguintes aspectos.

O Convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na área de transporte metropolitano de Santiago de Compostela foi aprobado tamén por unanimidade dos tres grupos políticos, por entender que favorece á veciñanza.

A segunda modificación da ordenanza fiscal reguladora do prezo público pola prestación do servizo do Punto de Atención á Infancia do Concello da Baña foi aprobada por unanimidade. O portavoz do PP sinalou que levaban pedindo esta gratuidade dende abril e lamentou que non se puideran aproveitar antes desta rebaixa. O portavoz de CxG respaldou a medida para que todas as familias gocen da rebaixa que paga a Xunta. A concelleira de Educación sinalou que non se puido modificar antes a ordenanza porque, pese as peticións formuladas dende abril, ata o pasado 7 de agosto a Xunta non respondeu ao Concello para aclarar quen asumía esta gratuidade e como se tramitaba.

A aprobación provisional do “Plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais do Concello da Baña tamén foi aprobado por unanimidade.

Tamén por unanimidade foron aprobados tanto o suplemento de crédito 1/2020 (por importe de 351.903,01 euros) para cumprir coa sentencia xudicial e pagarlle aos traballadores reclamantes os salarios pendentes; como o crédito extraordinario 1/2020 (6.649,87 euros) para facer fronte aos intereses da débeda. 

O PP recordou que dende o 2015 o secretario municipal leva indicando os trámites a seguir, e sinalou que votaba a favor co compromiso de que en 2021 se regularizaría a situación de todos os traballadores que faltaban.  Na mesma liña se expresou CxG, que pediu que todos os traballadores do Concello que non reclamaron xudicialmente cobren o que se lles adeuda e se lles regularice o salario. Dende o equipo de goberno, o alcalde sinalou que, como se acordara na reunión cos representantes sindicais dos traballadores, en 2021 se regularizará a situación dos traballadores pendentes para evitar un agravio comparativo destes traballadores e traballadoras.

O orzamento xeral do Concello da Baña correspondente ao ano 2020 foi retirado da orde do día e quedou sobre a mesa a petición e cos 5 votos do PP (CxG abstívose e o PSdeG votou en contra). O alcalde (PSdeG) informou que o 10 de agosto se pasou o proxecto aos partidos da oposición e que o 7 de outubro a tesoureira explicou as partidas aos grupos políticos. Dixo que os anteriores orzamentos aprobados son de 2017, o que xera problemas con algunhas partidas de Servizos Sociais, porque non inclúen fondos suficientes para asumir os gastos necesarios este ano no servizo de axuda a domicilio.

CxG cualificou de falta de previsión e organización ao equipo de goberno por querer aprobar os presupostos en outubro. Dende o PP reclamaron traballar xa nas liñas xerais dos orzamentos de 2021 e dixo que este presuposto era irreal. Ao pedir a retirada das contas, durante a votación, o PP (5 votos) votou a favor, CxG (2), abstívose, e o PSdeG (4), votou en contra. O punto foi retirado da orde do día.

Tras dar coñecemento das resolucións da alcaldía e dos reparos de legalidade da secretaría-intervención, deuse conta da liquidación orzamentaria do exercicio 2019, que foi positiva.

A moción de CxG sobre neutralidade, transparencia e participacións nas comunicacións municipais foi aprobada cos votos a favor de PP (5) e CxG (2), e en contra do PSdeG (4). 

A moción presentada polo PSdeG para conxelar a taxa do lixo en 2021 foi aprobada por unanimidade. 

A moción do PP para instar ao Goberno central a que aprobe unha lei en defensa da propiedade privada e en contra da ocupación,  que foi aprobada por unanimidade.

No apartado de rogos e preguntas, o PP solicitou que se celebre esta semana unha comisión urxente para que microempresas e autónomos poidas solicitar as axudas do programa PEL Reactiva que puxo en marcha a Deputación da Coruña. Os  estragos que provocan as empresas madeireiras nas pistas foi outra das preguntas, así como a petición para apoiar a dúas familias de Menlle a conseguir unha parada do transporte escolar.

Dende CxG solicitaron adiantar a hora dos plenos, para evitar que rematen coincidindo co toque de queda das 23.00 horas. Solicitou que A Baña se sume a campaña ‘En Negro contra a Violencia’ e que se promocionen as rutas temáticas feitas polo alumnado do CPI San Vicente, as rutas de sendeirismo e a ruta BTT. Ademais da factura da carpa do festival de entroido, adiantou que o material que lle foi cedido por un albergue de Muxía que pechou, doarao ao Concello para cando se arranxe a antiga escola de Corneira para promocionar a vía Mariana e o Camiño de Santiago a Muxía.

O vídeo íntegro da sesión pódese ver na canle de Youtube do Concello da Baña, neste enlace. O pleno semipresencial gravouse coa plataforma da Deputación da Coruña. Hai un erro de son nos primeiros 9:06 minutos, nos que só se coita aos concelleiros e concelleiras que participaron de xeito telemático.

20201028 Pleno ordinario Baña web

 

  • Estes días enviaránselles por correo á casa do alumnado que estuda noutros municipios

20201027 Mascaras CPI San Vicente web

 

O Concello da Baña entregoulle hoxe ao equipo directivo do CPI San Vicente 185 lotes con 2 máscaras reutilizables de tela cada un para que sexan repartidos entre o alumnado do centro. Os nenos e nenas da Baña que estudan en centros doutros municipios enviaránselles por correo ordinario.

A medida foi aprobada por unanimidade no pleno do mes de setembro, a proposta de CxG, como forma de axudar economicamente ás familias, que deben asumir o custo das máscaras de protección. Cada lote dos entregados hoxe polo alcalde no CPI San Vicente contén dúas máscaras de tela reutilizables, que admiten ata 25 lavados, para garantir un mínimo de 50 días lectivos de protección a cada neno e nena.

O alumnado que cursa estudos en centros doutros municipios recibirán estes lotes por correo ordinario nos vindeiros días. Se algunha familia non os recibe, pode poñerse en contacto coa Concellaría de Educación para solicitar as súas máscaras chamando ao 981 886 501

A comisión municipal de seguimento da covid-19 do Concello da Baña pídelle á veciñanza extremar as precaucións e as medidas de seguridade para evitar a propagación do coronavirus. Segundo os datos que constan no concello, no municipio de Baña hai nestes momentos 5 casos positivos de covid-19.

Así mesmo, dende o Concello recoméndaselle á veciñanza utilizar a aplicación Pass Covid coa que a Xunta de Galicia ofrece información actualizada da situación da pandemia na comunidade. Outra posibilidade é utilizar a aplicación Radar Covid, unha app do Goberno central que avisa de maneira anónima do posible contacto que se pudo ter nos últimos 14 días cunha persoa que resultase infectada.

Pass Covid está dispoñible xa para dispositivos IOS e tamén en Google Play (preme aquí para descargala)Na web da Xunta de Galicia (preme aquí) pódese obter máis información sobre este aplicación, a través da que a Xunta comunicará as alertas, avisos e recomendacións que as autoridades sanitarias emitan sobre a evolución da covid-19. 

Nesta web da Xunta pódese consultar tamén o mapa de incidencia da pandemia por concellos. Podes consultar este mapa e outros datos neste enlace (preme aquí).

Na páxina web da Xunta na que se publica información do coronavirus tamén se pode descargar e obter máis información da app Radar Covid (preme aquí).

20201028 Radar Covid

PassCovid

A comisión municipal de seguimento da covid-19 do Concello da Baña recoméndalle á veciñanza utilizar a aplicación Pass Covid coa que, dende o pasado sábado, a Xunta de Galicia ofrece información actualizada da situación da pandemia na comunidade. A través desta app, a Xunta comunicará as alertas, avisos e recomendacións que as autoridades sanitarias emitan sobre a evolución da covid-19. 

Pass Covid está dispoñible xa para dispositivos IOS (preme aquí para descargala) e proximamente tamén en Google Play. Pódese obter máis información sobre este aplicación na web da Xunta de Galicia (preme aquí)

Na páxina web onde a Xunta ofrece os datos sobre o coronavirus pódese consultar o mapa de incidencia da pandemia por concellos. Podes consultar este mapa e outros datos neste enlace (preme aquí).

Segundo os datos que constan no concello, no municipio de Baña había nestes momentos 6 casos positivos de covid-19.