• O goberno quería dedicar os 147.000 € a gastos relacionados coa covid-19 e liberar partidas para pagar débedas pendentes

  • A advertencia do secretario-interventor da necesidade de contar con gasto corrente para manter a estabilidade orzamentaria non foi tida en conta

 

O Concello da Baña vai destinar os 39.274 euros do plan provincial POS+ Adicional 1 a gasto social, para cubrir parte dos gastos extraordinarios derivados da covid-19. No caso do POS+ Adicional 2, que conta cunha partida de 147.300 euros, a oposición acabou impoñendo a súa maioría fronte ao goberno e, a pesar da advertencia da Intervención municipal, aprobou dedicar só 47.300 euros para gasto corriente e outros 100.000 euros para investimentos financeiramente sostibles (obras do plan complementario da Deputación). A sesión comezou gardando un minuto de silencio en recordo ás vítimas do coronavirus.

O pleno ordinario de maio celebrouse esta mañá cun modelo mixto, con seis concelleiros dende o salón de plenos e outros cinco por videoconferencia. Debateuse a participación do Concello da Baña no plan único de concellos da Deputación da Coruña POS+, que consta de dous apartados. O Adicional 1 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios derivados da covid-19, no que houbo unanimidade.

A Baña vai destinar os 39.274 euros do POS+ Adicional 1 a sufragar parte do gasto social extraordinario derivado do coronavirus, que ascende a un total de 75.000 euros.  Segundo a desagregación presentada polo equipo de goberno,  50.000 euros irán para reforzar o servizo de axuda no fogar (SAF), 10.000 € á compra de equipos de protección do persoal (EPIs), e outros 12.000 para reforzar as axudas ás familias con menos recursos. Unha última partida de 3.000 euros será para gasto extraordinario en axuda ás persoas máis vulnerables.

NO POS+ Adicional 2 o Concello da Baña conta cunha partida de 147.300 euros, que podería destinar a gasto corrente ou a investimentos financeiramente sostibles. Neste apartado, finalmente, impúxose o criterio da oposición (PP e CxG, con 6 votos) que aprobaron a súa proposta, en contra do criterio do equipo de goberno socialista (4 votos).

O alcalde recordou na súa intervención que o Concello debe facer fronte a máis de 500.000 euros de gastos, entre as facturas pendentes da lexislatura anterior e uns 360.000 euros dos atrasos pendentes de pago aos traballadores, por sentencia xudicial dun conflito iniciado hai varios anos. A intención do equipo de goberno era destinar os 147.300 euros do POS+ Adicional 2 a gasto corrente, liberando así unha partida importante para afrontar esas débedas.

Concretamente, o alcalde indicou que querían destinar eses 147.000 euros á reforma das instalacións municipais para garantir medidas de seguridade (entre elas no centro e saúde), con 60.000 euros; conciliación familiar e campamentos de verán (35.000 €), axudas directas aos autónomos que tiveron os negocios pechados (20.000 €), axudas ao alumnado do municipio para adquirir ferramentas TIC e de novas tecnoloxías (15.000 €) e outros 17.000 euros para emerxencia social.

Neste apartado (ver vídeo do pleno neste enlace), tanto PP como Compromiso por Galicia criticaron duramente a falta de diálogo do equipo de goberno coa oposición para poder pactar estas medidas; os orzamentos deste exercicio e poñer en marcha iniciativas que palíen a situación actual. Andrés García Cardeso recordou que o goberno local non fixo caso da proposta presentada polo PP no mes de abril, e que tampouco avanzara na negociación cos traballadores para pagarlles os atrasos que figuran na sentencia xudicial.

Dende CxG, César Ramos criticou a forma de gobernar do grupo socialista e a falta de información e contacto coa oposición. Tras retirar a proposta de CxG para o Adicional 2, acabou apoiando a presentada polo PP, para destinar 47.300 euros a gasto corrente e outros 100.000 euros para obras.

Durante o debate, o secretario interventor advertiulles aos concelleiros da necesidade que tiña o Concello de dispor de gasto corrente para evitar tensións de liquidez e manter o principio de estabilidade orzamentaria, apelando á responsabilidade por alcance na que poderían incorrer se se adoptaban decisións que poidan romper ese principio de estabilidade. Fixo mención expresa á necesidade de dispor de 360.000 euros para pagar os atrasos dos traballadores. Unha advertencia que foi criticada tanto polo PP como por CxG.

Tras un tenso debate, a proposta do Partido Popular saíu adiante cos 6 votos do PP e CxG, fronte a presentada polo equipo de goberno, que só contou cos 4 votos do Partido Socialista.

Co apartado de rogos e preguntas rematou a sesión plenaria, a primeira da Corporación da Baña na que algúns concelleiros e concelleira participaron por videoconferencia.

20200527 Baña Pleno telematico web

 

 

20200607 Baña desinfecta contedores lixo

BAÑA contedor pechadoO Concello da Baña comezou onte a limpar e desinfectar o exterior dos contedores do lixo, antes de que o camión faga a limpeza no interior deste depósitos, que a partir de agora volverán ter a tapa pechada como recomenda a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Dende o luns, o punto limpo da Baña volverá a recoller refugallos, sempre que as persoas interesadas soliciten cita previa no teléfono 664 042 597.

Onte comezou a limpeza e desinfección do exterior dos contedores do lixo e tamén a das tapas, á espera de que comece a pasar o camión para limpar o seu interior.

O Concello, seguindo as recomendacións da Fegamp, vai pechar a partir de agora as tapas dos contedores, para evitar cheiros, a proliferación de pragas de mosquitos e cascudas e para que os animais non rachen as bolsas. Por este motivo, pídeselle á veciñanza que cando vaia depositar o lixo, utilice luvas para evitar posibles contaxios, e que despois lave ben as mans.

Punto limpo con cita previa

Por outra banda, dende o luns comezará a funcionar de novo o punto limpo da Baña. Para levar os refugallos a este espazo, situado detrás do polideportivo de Lañas, as persoas interesadas deberán solicitar cita previa no teléfono 664 042 597, para concretar día e hora para levar o lixo. Cando se acheguen, deberán utilizar medidas de protección (máscaras e guantes) e manter a distancia de seguridade coas persoas que se poidan atopar alí nese momento.

O horario do punto limpo será de 10.00 a 14.00 horas de luns a sábado. Neste horario será cando se poida pedir a cita previa e tamén levar os refugallos.

20200414 Mascarillas Baña

 

O Concello da Baña mantén a disposición das persoas dependentes e máis vulnerables residentes no municipio un servizo de entrega a domicilio de alimentos, medicamentos e produtos de primeira necesidade; así como un servizo de fotocopias e entrega de tarefas escolares no domicilio daquelas familias sen impresora ou acceso a Internet. Dende o Concello tamén se ofrece a posibilidade de entregar máscaras a aquelas persoas que teñen que desprazarse por temas médicos e non dispoñan destas medidas de protección.

O servizo de entrega a domicilio de alimentos e medicinas púxose en marcha o pasado 16 de marzo, cando o alcalde, José Antonio Pereira Gil, asinou un bando no que lles garantía o reparto de produtos de primeira necesidade ás persoas máis vulnerables do municipio mentres dure o estado de alarma polo COVID-19.

Durante as últimas semanas, o Concello vén mantendo tamén un servizo e recollida de tarefas escolares no CPI San Vicente da Baña que logo se imprimen e entregan ás familias que non teñen impresora na casa ou non poden acceder a Internet. Esta posibilidade ofréceselles tamén ás familias da Baña que teñan os seus fillos e fillas escolarizados en centros doutros municipios.

Outra das medidas que desenvolve o Concello da Baña para axudar a veciñanza é o repartimento de máscaras entre aquelas persoas que, por causa de forza maior, teñen que desprazarse e saír das súas casas, como, por exemplo, facer analíticas do sintrom. O Concello dispón dun remanente de máscaras que pode entregarlles ás veciñas e veciños que as soliciten por este motivo.

Para acceder a estes servizos, as persoas interesadas deben chamar ao teléfono do Concello, 981 886 501, en horario de 9.00 a 14.00 h, de luns a venres. 

O Concello mantén estes servizos, así como a desinfección constante de lugares públicos, para garantir o benestar da veciñanza con menos recursos nestes momentos difíciles, e fai un chamamento para facer un uso responsable destes. O obxectivo é que poidan beneficiar realmente as persoas que máis o precisan.

  • A veciñanza deberá pedir vez no teléfono 981 886 501 ou no correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

  • De ser precisa, a atención será individual, non durará máis de 15 minutos e mantendo os 2 metros de distancia entre persoas

Coronavirus Baña medidas copia

O Concello da Baña vai fomentar a atención á veciñanza por medios telemáticos ou telefónicos na medida do posible, para cumprir coa nova normativa motivada pola COVID-19, sen prexuízo daquelas oficinas de servizos de carácter esencial.

Nun bando asinado hoxe polo alcalde, José Antonio Pereira informa de que dende o Concello se vai organizar un servizo de cita previa para atender aquelas persoas que teñan que acudir ás dependencias municipais. Antes de achegarse, a persoa interesada deberá chamar por teléfono, ao 981 886 501, ou enviar un correo electrónico a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo., para solicitar día e hora. Con esta medida quérense evitar aglomeracións tanto na entrada como no interior das dependencias municipais.

As citas asignaranse coa frecuencia precisa para que estean o menor número posible de persoas nas oficinas. En todo caso, esta atención realizarase de xeito individual, e sempre mantendo unha distancia mínima de 2 metros coas demais persoas que se atopen nas dependencias, sexan veciños ou persoal do concello. O tempo de permanencia no interior das oficinas deberá ser inferior a 15 minutos.

Esta medida tómase para evitar a propagación do coronavirus entre a poboación e para cumprir coa normativa en vigor. O alcalde agarda que a veciñanza da Baña comprenda estas limitacións e siga colaborando como o veu facendo ata o de agora, respectando as recomendacións das autoridades sanitarias.

ALCALDE PEREIRA GIL web horizontal02

O alcalde da Baña fai público o seguinte bando de agradecemento e recomendacións polo COVID-19

José Antonio Pereira Gil, alcalde do Concello da Baña, nestes difíciles momentos que nos toca vivir debido á pandemia xerada polo coronavirus COVID-19, agradece o esforzo, dedicación e traballo que están a facer 

  • O persoal do Servizo de Axuda no Fogar que, con plena dedicación, segue atendendo as necesidades básicas das persoas máis vulnerables do noso municipio.
  • O persoal sanitario que está a traballar no Concello da Baña e, por extensión, en toda Galicia, que coa súa implicación contribúe a salvar as vidas de moitas persoas infectadas polo COVID-19.
  • O persoal e traballadores do Concello da Baña que, día a día, están a disposición da veciñanza para axudarlle a resolver os seus problemas, a desinfectar espazos públicos, a levarlle á casa comida e medicinas a aquelas persoas que non se poden desprazar...
  • Todas as veciñas e veciños da Baña que seguen nas súas casas, cumprindo coas recomendacións das autoridades sanitarias para evitar a propagación do coronavirus.

Levamos xa un mes de confinamento nas nosas casas, dende que o pasado 14 de marzo se decretou o estado de alarma. Son momentos complicados e difíciles nos que, como sociedade, estamos a demostrar a nosa valentía para loitar contra unha pandemia descoñecida ata a actualidade en todo o mundo, e que está cobrando milleiros de vidas humanas. 

Estas semanas de confinamento serviron para corroborar que, quedando na casa, se reduce a propagación do coronavirus. Coa axuda de todos e todas poderemos superar esta situación.

Por diante quédannos, polo menos, outros 15 días de confinamento. Anímovos a respectar as recomendacións das autoridades sanitarias e a valorar a vantaxe de vivir nunha contorna rural.

  • Queda na casa e extrema as medidas de hixiene, lavando as mans con frecuencia, e respecta a distancia con outras persoas.
  • Se dende hoxe tes que incorporarte ao teu posto de traballo, cumpre coas medidas de prevención.
  • Dende o Concello da Baña estamos dispostos a axudar a cubrir as necesidades básicas de todas as persoas máis vulnerables. Se o necesitas chámanos ao 981 886 501.

Todos xuntos sairemos mellor desta crise. Moito ánimo!

A Baña, 13 de abril de 2020

O alcalde