A Baña e Negreira xunto con Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo forman o grupo de 12 concellos que asinaron o 23 de marzo de 2015 o protocolo de colaboración para a organización do programa Apego dirixido a fomentar e mellorar a transmisión do galego. Polos concellos da Baña e de Negreira asistiron os seus alcaldes José Andrés García Cardeso e Juan Rey Maceira respectivamente. A sinatura realizouse no Concello de Santiago de Compostela e tivo como anfitrión o seu alcalde, Agustín Hernández. Con este acto, comprométense todos estes concellos co programa Apego que se poñerá en marcha o vindeiro maio.
Neste acto de sinatura, ademais de representantes dos doce concellos impulsores desta iniciativa, tamén participaron cos seus arrolos os músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández.
Apego é un programa de promoción da lingua galega que ten como obxectivos incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual. Para lograr estes obxectivos, organizaranse, coordinadas entre todos os concellos participantes, accións como as seguintes:
-Deseño dunha imaxe común para o proxecto.
-Edición dunha campaña informativa con material para distribuír nos espazos onde se atenden o embarazo e a adopción.
-Edición de 5000 caixas para entregarlles ás embarazadas que conterán un libro informativo, un álbum de lembranzas, un medidor, un adhesivo para o automóbil e un apego e que servirán para acoller as crianzas.
-Edición de 5000 CD cunha selección de música que acaia aos diferentes momentos da crianza e que se poderá recoller unha vez naza a criatura.
-Creación dunha rede con familias interesadas en recibir información e recursos de apoio para a crianza en galego.
-Creación dun espazo-web para informar do desenvolvemento do programa e facilitar o acceso á información, recursos e redes de apoio á transmisión da lingua.
-Oferta de obradoiros formativos para os diferentes colectivos atinxidos no programa.
Os concellos participantes esperan contar coa implicación das familias para lograr estes obxectivos e evitar así que se continúe rompendo a transmisión interxeracional do galego.
Enlaces:
- Enlaces: