O Concello da Baña acondicionará o adro da igrexa de Santa Cristina de Marcelle para recuperar o espazo para uso veciñal. A obra ten un orzameto total de 76.848 euros e será cofinanciada pola Deputación da Coruña. O organismo provincial aportará un total de 57.000 euros, o que supón o 71% do presuposto, mentres que o Concello achegará os 19.848 euros restantes.

O alcalde do concello da Baña, José Andrés García Cardeso, o deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto, e o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, participaron onte no acto de sinatura do convenio polo que a Deputación da Coruña financia as obras de mellora do adro da igrexa de Santa Cristina de Marcelle. O proxecto conseguirá eliminar os problemas de encharcamento e recuperará o espazo para uso veciñal coa colocación de bancos e pavimento de granito.

Os traballos pretenden, en primeiro lugar, solucionar os problemas de acumulación de auga e encharcamento que se producen habitualmente na explanada que rodea a igrexa e a casa reitoral, un lugar usado como zona de esparexemento e celebración de actividades lúdico-recreativas da veciñanza. Con este obxectivo, dotarase a zona dunha capa filtrante de grava sobre a que instalará terra vexetal e céspede. Así mesmo , construiranse unha serie de ramais de drenaxe soterrados que permitirán recoller a auga e canalizala ata un pozo existente nas marxes da calzada que linda co adro.

A zona dotarase tamén de nova pavimentación de acceso tanto peonil como para vehículos, ambas a base de lousas granito silvestre con acabado abuxardado e xuntas verdes para lograr unha integración acorde coa contorna. Os tramos peonís darán acceso tanto á igrexa como á zona do cruceiro.

Finalmente, dotarase ao adro dunha bancada que permita a reunión e descanso dos veciños na zona. A bancada instalarase no muro que delimita o predio e será cunha estrutura de aceiro negro liso con esmalte metálico sobre a que se instalarán unha serie de listóns de madeira, permitindo tamén unha axeitada integración na contorna.