• Lectura do manifesto en contra do peche da oficina de Abanca na localidade

  • A declaración conta co apoio dos tres grupos con representación no consistorio

  • É a primeira dunha serie de accións conxuntas para evitar unha decisión lesiva para a veciñanza e para os sectores económicos bañenses

20210812 ABaña Pleno extraordinario Manifesto contra peche Abanca web

A corporación municipal da Baña deu lectura esta mañá ao manifesto en contra do peche da oficina de Abanca na localidade. O texto de rexeitamento, apoiado por todas as forzas políticas con presenza no Concello, é a primeira das accións que se levarán a cabo de xeito conxunto para evitar unha decisión que prexudicaría á veciñanza e á economía bañense. Vídeo do pleno neste enlace.

O pleno municipal reuniuse de xeito extraordinario ás 9 da mañá. Na sesión deuse lectura á declaración, na que os grupos da corporación expresan o seu "rexeitamento ao peche da sucursal de Abanca en San Vicenzo da Baña, confirmado pola entidade para o próximo mes de setembro".

O texto destaca que este peche deixa á veciñanza "sen ningún punto de atención para as súas xestións bancarias, ao non haber neste momento ningún outro banco que opere diariamente no territorio municipal". A marcha de Abanca da Baña suporá, afirman os grupos municipais, un duro golpe especialmente para as persoas maiores e con menos destrezas dixitais. Ademais, ao obrigar a desprazarse a quen desexe facer xestións presenciais, sairá tamén prexudicada a economía local, nomeadamente os sectores do comercio, a hostalería e os servizos.

O manifesto recórdalle a Abanca a responsabilidade social que herda das caixas de aforros galegas, das que é sucesora, e do feito de que estas fosen rescatadas con diñeiro público antes de seren privatizadas. O peche, apunta a declaración, "camiña xusto no sentido contrario ás políticas de recuperación do rural e de igualdade de oportunidades para as localidades máis pequenas que a sociedade reclama. Un rural sen servizos coma o bancario é un rural menos atractivo, máis empobrecido e cun futuro de moito peor prognóstico".

Son varias as accións conxuntas que se están levando a cabo na Baña para evitar o peche. Os comercios do municipio dispoñen xa de follas para que a veciñanza asine contra esta decisión, algo que tamén se pode facer na Casa Consistorial en horario de atención ao público (8 a 14h.) Ademais, representantes do Concello solicitaron unha reunión coa dirección da empresa, que previsiblemente se levará a cabo a comezos da semana que vén.

O Concello está en contacto con outros municipios con situacións parecidas, como Zas e Vimianzo, e coa Federación Galega de Municipios e Provincias, para recadar apoios.

O manifesto foi consensuado polos tres grupos municipais con representación na Baña. O alcalde, José Antonio Pereira, afirma que o peche "chega nun momento de certa recuperación do tecido empresarial e da hostalería, polo que vai xusto en contra destas iniciativas. A Baña necesita que Abanca siga funcionando e Abanca necesita tamén dos veciños e veciñas da Baña". Pola súa banda, o portavoz municipal do PP, Andrés García, cualificou o anuncio do peche da sucursal de Abanca de "ataque ao rural e á veciñanza". César Ramos, portavoz de Compromiso por Galicia, rexeitou a decisión de Abanca e avogou “por un traballo conxunto de reivindicación dos nosos dereitos e de respecto polos servizos do rural, deixando de lado diferenzas políticas".

O manifesto foi consensuado polas tres forzas políticas e máis o BNG, sen representación na Corporación. Os grupos políticos actuarán unidos e en conxunción coas iniciativas da cidadanía para conseguir reverter unha decisión que consideran moi lesiva para os intereses do municipio.

O vídeo íntegro do pleno pode verse neste enlace (preme aquí).