• As persoas interesadas teñen de prazo ata mañá ás 14.00 horas para anotarse no teléfono do Concello 981 886 501
  • Participar veciños

Pancarta Manifestacion Bana 2 setembro

Concello da Baña pon a disposición da veciñanza un autobús gratuíto para que se poidan desprazas todas as persoas interesadas en participar na manifestación do vindeiro xoves, 2 de setembro, na Coruña, a partir das 11.30 horas, contra o peche da oficina de Abanca en San Vicenzo, a única que existe no municipio.

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, anima a toda a veciñanza a participar nesta manifestación contra o peche de oficinas bancarias no rural. Para poder organizar o desprazamento e cumprir coa normativa covid-19, as persoas interesadas en desprazarse no autobús deben anotarse no teléfono do concello (981 886 501) antes das 14.00 horas de mañá, martes, 31 de agosto.

O autobús saírá da Praza do Concello o xoves ás 09.30 horas, polo que se pida as persoas que vaian utilizalo que estean na praza antes das 09.15 horas.

Na manifestación do xoves, diante da sede de Abanca na Coruña van participar tamén veciños e veciñas dos concellos de Vimianzo e Zas, para protestar contra o peche de oficinas de Abanca nos tres concellos e noutros de Galicia.

“Todos sabemos o que supón o peche da oficina da Baña, vai ser un prexuízo importante tanto para o comercio, como para a pouca industria que temos na Baña, como para a veciñanza, que terá que desprazarse ata outros municipios a facer xestión”, asegurou o pasado mércores o alcalde na concentración celebrada en San Vicenzo, a que asistiron máis dun cento de persoas.

“Coa manifestación na Coruña queremos lograr que Abanca reconsidere a súa decisión de pechar oficinas no rural. Imos facer todo o que está nas nosas mans para conseguilo”, engadiu José Antonio Pereira. Os alcades da Baña, Vimianzo e Zas están levando a cabo accións conxuntas para  evitar o peche de oficinas d

Acordo unánime da Corporación

O pleno da Baña aprobou por unanimidade o pasado 12 de agosto un manifesto institucional rexeitando o peche anunciado por Abanca. En coordinación cos concellos de Vimianzo e Zas (onde a entidade financeira tamén pechará oficinas) os tres alcaldes solicitáronlle unha reunión ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “para que nos axude e se poña á fronte das reivindicacións”, posto que os tres rexedores cren que o Goberno galego é o único con capacidade para “falar de ti a ti” coa entidade financeira.

Tras reunirse o 19 de agosto con Alberto Varela, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias comprometeuse a impulsar unha enquisa entre os concellos para analizar como lles está afectando a concentración de oficinas bancarias logo de constatar que están abandonando maioritariamente os núcleos rurais deixando sen servizo á súa poboación.

Ademais destas dúas, e a recollidas de firmas entregadas hoxe, os tres alcaldes teñen en marcha outras medidas conxuntas entre as que figuran:

  • Establecer contactos con algún ministro do Goberno de España que teña competencias na materia e con deputados do Parlamento galego
  • Manter unha reunión con responsables de Abanca
  • Estudar a posibilidade de emprender accións legais
  • Convocar unha manifestación ante a sede de Abanca na Coruña